En Baltar, como na casa

A Sociedade Deportiva Portonovo conta con 120 rapaces nas súas ringleiras e actúa como un dos principais artelladores sociais da vila ► A entidade fai énfase nos valores formativos e lúdicos por enriba dos competitivos
Foto de familia da base da Sociedade Deportiva Portonovo. DAVID FREIRE
photo_camera Foto de familia da base da Sociedade Deportiva Portonovo. DAVID FREIRE

A Sociedade Deportiva Portonovo é un dos grandes clubs do Concello de Sanxenxo. Á beira da praia de Baltar, nun campo que sobrevive á tiranía do céspede sintético, o club arlequinado dalle acocho a 120 nenos das súas categorías base e a un equipo sénior. Oito escadras das categorías base (iogurín, biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, dous bloques cadetes e un xuvenil) dan vida á estrutura base do club, que foi fundado en 1948.

Equipo dos ioguríns. DAVID FREIRE
Equipo dos ioguríns. DAVID FREIRE

Para o ano cumpriranse as vodas de pratino dunha entidade que, máis alá de que nunca foi quen de lograr grandes fitos competitivos, sempre fixo parte da estrutura social da vila mariñeira, artellando o aspecto deportivo e lúdico. De tal maneira, sempre tivo un relevante respaldo social.

O crecemento e estabilidade deste clásico das Rías Baixas tradúcese na incorporación paulatina de máis rapazas. A integración da muller na entidade tamén se manifesta coa presenza de adestradoras no corpo técnico do club. Non se pode esquecer que á fronte da entidade está unha muller, a presidenta Montse Martínez.

Equipo benxamín. DAVID FREIRE
Equipo benxamín. DAVID FREIRE

As rapazas da localidade que o desexen poden incorporarse a comezar a dar as súas primeiras patadas ao balón co Portonovo.

Con adestradores titulados, o proceso complétase cando algún xogador do conxunto sénior acaba tomando as rendas dalgunha escadra da base, como ocorre con Iván, que leva un dos bloques de rapaces da institución.

Equipo prebenxamín. DAVID FREIRE
Equipo prebenxamín. DAVID FREIRE

O actual coordinador das categorías inferiores da SD Portonovo é Óscar Río, xogador cunha dilatada carreira no fútbol das Rías Baixas e mesmo do nacional, xa que militou no Pontevedra Club de Fútbol, Talavera ou Club Deportivo Ourense, entre outros. Despois recalaría no Céltiga e no CD Ribadumia, nos que desenvolveu os últimos anos da súa etapa como futbolista.

Equipo biberón. DAVID FREIRE
Equipo biberón. DAVID FREIRE

Río ten clara cal debe ser a liña que guíe ao Portonovo no seu día a día. "Nuestra filosofía pasa por enseñarles valores de disciplina, respeto, compañerismo y porque se diviertan. Y para eso es fundamental que jueguen todos siempre. Así lo hacemos. El resultado es completamente secundario para nosotros", explica o coordinador técnico do club.

Equipo alevín. DAVID FREIRE
Equipo alevín. DAVID FREIRE

O mellor exemplo de que ese proceder funciona en Baltar é o conxunto benxamín que o propio Río dirixe con orgullo, malia que os marcadores non lle son todo o favorables que lle gustaría. "No hemos ganado ningún partido, pero los diez jugadores que forman la plantilla vienen a todos los partidos. Eso quiere decir que disfrutan y que algo estaremos haciendo bien".

O club sobreviviu á pandemia con solvencia, grazas á posibilidade de competir no treito final da temporada pasada e á implicación dos pais, sen os que a boa marcha da actividade deportiva na base sería máis complicada.

Equipo cadete. DAVID FREIRE
Equipo cadete. DAVID FREIRE

Esa unión de forzas é a que permite que a entidade permaneza firme, que siga prolongando a súa traxectoria. Unha longa historia aséntao como parte do fútbol galego. Posúe unha boa imaxe e un método de captación no que o boca a boca entre os rapaces da zona ten un papel importante. O campus de verán que desenvolve fai o resto. Mesmo rapaces que nunca probaran a actividade con anterioridade nas súas vidas acaban véndose atraídos despois de pisaren o verde e gozar coas leccións, o contacto co balón e cos novos amigos.

O obxectivo do club é alimentar o fluxo de xogadores desde as categorías máis baixas ata chegar ás máis elevadas, e, se pode ser, finalizando o ciclo no primeiro conxunto, no sénior, que milita na Preferente e estivo pelexando esta temporada por retornar á Terceira División.

Equipo cadete. DAVID FREIRE
Equipo cadete. DAVID FREIRE

A mentalidade non muda e seguirá sendo esa. A filosofía e os valores deportivos continuarán, máis alá de que o bloque gañe, empate ou perda. O disfrute de todos e a unión máis alá das derrotas é o que vale. "Mientras siga estando aquí, seguirá siendo así. El día que me digan que eso deba cambiar, cogeré las maletas y me iré", aclara contundente Óscar Río a ese respecto.

Polo de agora parece que ao club non lle vai mal de todo con esa maneira de traballar e de ver o deporte.

Equipo xuvenil. DAVID FREIRE
Equipo xuvenil. DAVID FREIRE
O primeiro equipo
Loita polo ascenso nunha dura campaña
O primeiro plantel da SD Portonovo milita en Preferente. O club estivo a meirande parte da súa historia en categorías de ámbito autonómico, aínda que conta cunha etapa brillante, non moi afastada no tempo, na que competiu con brillantez na Terceira División.

Neste curso, o conxunto dirixido por José Vecoña tivo un grupo esixente na primeira fase, na que debeu pelexar ata o último día por facerse un espazo entre os cadros que pelexarían polo salto de categoría.

Os arlequinados poden presumir de ser os primeiros e únicos en derrotar á Unión Deportiva Ourense, bloque xa ascendido e claro dominador da temporada. Daquela, mesmo ollaran de preto a posibilidade de dar o salto de categoría.

Sen embargo, os resultados das xornadas anteriores á da fin de semana cortaron esa dinámica favorable.

A falta de dúas semanas para o remate da competición, a escadra de Baltar está a cinco puntos dos postos de ascenso, pero cun enfrontamento directo entre o segundo e o terceiro que lle restan tódalas posibilidades.

Comentarios