A billarda pontevedresa desembarca en 'Got Talent'

O programa de cazatalentos de Telecinco emitiu o venres pasado a actuación de Xan Rodiño e o Charri
Xan Rodiño e o Charri, no plató de Got Talent. CEDIDA
photo_camera Xan Rodiño e o Charri, no plató de Got Talent. CEDIDA

Non foi a chamada da selva, senón a chamada de Risto, que vén ser algo parecido, o que fixo que Charri e Xan Rodiño se embarcasen na experiencia Got Talent, alá polo mes de xuño.

Aproveitando o florecemento da billarda como deporte fóra da clandestinidade, o rapsoda sanxenxino (tan pronto che recita un poema como che manda a billarda a Cuntis), e o seu arquiinimigo buenense foron enviados como emisarios da Federación ao programa de cazatalentos, como escaparate para difundir os valores e os encantos do deporte tradicional galego.

"Facían falta dúas persoas con caradura e ao final conseguímolas", explica o propio Rodiño, un dos dous caraduras. Alá foi, co Charri ao seu carón e despois de seis horas de coche a Madrid (tormenta incluida) para realizar a grabación do programa, que foi emitido o pasado venres á noite en Telecinco, en horario vampírico.

"Foi algo un pouco estraño. No programa ves artistas incribles, xente que fai cousas impresionantes. E logo fomos nós. Andan a procura de imperfección. A imperfección tamén atrae audiencia", explica Rodiño, convencido de que a fortuna sorrí aos audaces. E a audacia difícil gañarlles a el e ao Charri, o único mexicano que fala galego.

Con orgulloso acento de Sanxenxo e de Bueu, ámbolos dous chegaron ao escenario do programa para pasar revista diante do xurado e do público. Alí desplegaron as súas artes. Rodiño fixo unha exposición sobre as orixes da billarda e o funcionamento do xogo, engalanado cunha coroza, traxe de palla para protexérense da chuvia os antigos palanadores, Máis preto no tempo se vestía aos triunfadores con ela, como a coroa de loureiro olímpica da billarda.

Rodiño explicaba e Charri executaba os movementos, con tanta precisión que non acertou co obxectivo e mandou a billarda a Cuenca, por enriba da lona que simulaba o varal.

Aquilo desatou a ira de Risto Mejide, que deseguido lles concedeu voto negativo, seguida dunha cruel indiferencia para a parella das Rías Baixas.

Despois do fracaso de Charri, Dani Martínez e Edurne, compañeiros do xurado de Risto, saltaron ao escenario e fixeron as súas prácticas de tiro, con dubidoso xeito pero moita gracia. Pericia escasa, amor eterno. Tanto, que lles concederon o seu Si, quero á billarda. A billarda ficou candidata ás semifinais.

E, aínda que nos cinco minutos de actuación editada non se percibiu, dúas cousas quedaron no aire: como Charri puxo en pé ao público cos seus chistes, ata conseguir que lle coreasen o nome de forma masiva, e como Rodiño lle plantou un sermón á audiencia explicando en que consistía o choio este. Craso erro, disque.

A estraña parella rexeita retornar 
Despois de conquistar ao público e o xurado en Got Talent, chegou o momento de facer balance. "A sensación foi fantástica. Imaxino que agora nos contratarán como dúo", explicou Rodiño, víndose arriba tralo espectáculo ofrecido en Madrid. Porén, recibiu duras críticas do seu compañeiro Charri. "Díxome ‘Risto non nos deu o Si porque falaches de máis". Houbo de ser iso, si.

Ah, por certo, a pesar de dispoñeren da oportunidade de pelexala, non retornarán a Got Talent. Para facelo, debían enviar un vídeo anunciando os contidos da seguinte actuación. A billarda non é música. A súa grandeza está na sinxeleza do proceso e a dificultade de execución. Vista unha vez, vista para sempre. A poderosa arma de marketing de Got Talent xa ficou empregada.

Comentarios