viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Javier Bonilla, licenciado en once metros

Javi Bonilla celebra o primeiro gol que marcou na liga coa camisola do Pontevedra, contra o Racing de Ferrol
Javi Bonilla celebra o primeiro gol que marcou na liga coa camisola do Pontevedra, contra o Racing de Ferrol
O lateral é o defensa do grupo I de Segunda División B que máis goles leva marcados, xunto con Alberto García (Coruxo) e Jonathan Martín (Guijuelo) grazas ao seu acerto nos penaltis

Había anos que o Pontevedra non atopaba unha garantía de éxito no lanzamento dos penaltis como Javier Bonilla. O lateral esquerdo soriano leva pleno de acerto no que vai de temporada desde o punto dos once metros. A súa puntería convérteo nunha arma infalible para o conxunto de Luisito. O pasado sábado, contra a Cultural Leonesa, conseguíu a quinta pena máxima no que vai de Liga. Leva cinco materaliazadas de cinco intentadas, que ademais sempre lle serviron ao seu equipo para sumar puntos.

Bonilla empezou o seu idilio co gol da actual campaña contra o Racing de Ferrol. O defensa castelán logrou o tanto que lle permitiu á súa escadra vencer por 1-0 no treito final do enfrontamento.

A presión tampouco puido co zagueiro zurdo catro semanas despois, cando o Pontevedra recibiu á Ponferradina no campo de Pasarón. Outro lanzamento desde os once metros transformado serviulle para adiantar no marcador ao once pontevedrés, que acabaría vencendo por 2-0 ao berciano.

A seguinte ocasión na que debeu asumir a responsabilidade foi contra o Boiro. De novo co 0-0 no marcador, foi o encargado de adiantar á súa escadra co terceiro penalti do que dispuxo na Liga.

O Guijuelo foi o cuarto en discordia, o cuarto rival contra o que Bonilla tivo que abrir o marcador desde o punto fatídico. Volveu atopar a rede na execución do seu disparo.

O escenario do pasado sábado non era novo para el. Nos minutos finais do enfrontamento, o PCF precisaba dos seus servizos para lanzar una pena máxima que lle permitise sumar. E volveu atinar coa súa perna esquerda para poñer o 2-2 definitivo que fixo posible a igualada.

Os cinco penaltis supuxéronlle nove puntos de máis á escadra da cidade do Lérez.

FALTAS. Bonilla sumou dous goles máis, tamén co balón parado como protagonista. Como bo especialista na estratexia, materializou dous lanzamentos de falta desde longa distancia: contra a Arandina e o Osasuna B. Foron os dous únicos goles do soriano que non implicaron a suma de puntos para o PCF. Contra os pamploneses, o libre directo materializado polos granates supuxo o 2-1, mentres que perante a Arandina supuxo o 0-2. O primeiro gol nese enfrontamento en chan burgalés fora obra de Mario Barco.

Os sete tantos de Bonilla, ademais, convérteno no segundo máximo realizador do plantel que prepara Luisito, só superado polo dianteiro calagurritano.

O máis importante é que a presión non parece un factor que lle preocupe demasiado, xa que case sempre debeu responder en momentos complicados, con marcadores axustados, contra rivais duros ou incómodos e sempre bateu aos porteiros rivais desde os once metros.

Javier Bonilla, licenciado en once metros
Comentarios
ç