O Arxil mergúllase en territorio de play-off

O conxunto verde encadea cinco triunfos para asinar o terceiro mellor comezo de liga dos últimos 20 anos e o quinto da súa historia en LF2
                      Nena Trajchevska nunha acción contra o Segle XXI.
photo_camera Nena Trajchevska nunha acción contra o Segle XXI.

O CB Arxil vive un dos seus mellores momentos de xogo e resultados dos últimos anos, o que lle permitiu mergullarse nos postos de play-off polo ascenso despois da disputa da novena xornada.

O bloque de Maite Méndez ocupa a cuarta posición da táboa, cun balance de seis triunfos e dúas derrotas. É o mesmo, pero con mellor diferenza de puntos, que o do GEiEG xerundense, co que ten pendente de disputar un encontro adiado. As verdes contan coas mesmas vitorias pero unha derrota menos que o BF León, adversario ao que aínda ten que medirse no treito final da primeira volta.

Cabe lembrar que disputarán a promoción os catro primeiros equipos que non sexan o Segle XXI, xa que a escadra catalana, líder invicta polo de agora, non pode participar na liga de ascenso a Liga Challenge.

De tal maneira, o Arxil ocupa virtualmente o terceiro lugar dos bloques que si poderían competir polo salto de categoría, detrás do Miralvalle Plasencia e do Maristas da Coruña (ámbolos dous con sete vitorias e dúas derrotas despois de nove xornadas).

O 8-0 de balance do comezo da liga 2021-22 foi a mellor xeira do bloque de Maite Méndez na súa historia en LF2

A clasificación do Arxil é a terceira mellor nos últimos 20 anos do club e a quinta mellor da súa historia na actual categoría, a Liga Femenina Dos.

O mellor inicio de sempre do club verde produciuse na campaña 21-22, a primeira da LF2 como categoría de bronce. As pontevedresas encadearon os oito primeiros triunfos daquel curso. De entón é tamén a mellor serie vitoriosa do equipo e a última que foi mellor que a de cinco encontros seguidos que sostén actualmente o plantel pontevedrés.

Antes dese 8-0, na campaña 2014-15, o Pontevedra comezaba con un 7-1 favorable na liga 2014-15, cando a competición aínda era a segunda en importancia do baloncesto feminino español.

Para atopar de novo eses datos hai que remontarse ao comezo do século, a segunda e terceira edicións da LF2 (competición fundada en 2001). Na campaña 2002-03, o Arxil só sufríu unha derrota en oito xornadas, mentres que na 2003-04, as verdes conseguiron o mesmo rexistro que desta volta: un 6-2.

As lerezanas poderían incrementar a súa serie se son quen de bater o Náutico Tenerife e o Mataró nos dous próximos partidos, ámbolos dous a domicilio.  

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios