O CAB Vidal Confort camiña cara ao ascenso a Segunda División

O equipo pontevedrés só perdeu dous partidos no que vai de temporada e loita polo salto de categoría no seu primeiro ano de existencia
20220306_Dfreire_019
photo_camera Plantel do CAB Vidal Confort. DAVID FREIRE

O guión soñado para calquera debutante está a trazar o itineraio do CAB no seu primeiro ano en categoría sénior: o Vidal Confort continúa lanzado na loita cara a Segunda División. 

O conxunto pontevedrés afronta a liga polo ascenso coa meta de obter unha das prazas que dá dereito ao salto de categoría. Son dous os equipos que soben á Segunda División de maneira directa á conclusión da segunda fase na que se atopa mergullado o conxunto pontevedrés.

Cando restan cinco xornadas para rematar a temporada regular, o bloque que adestra Mauricio Fernández ocupa a segunda posición do grupo polo ascenso, igualado a triunfos co líder, o Rías Baixas de Vigo. De rematar a temporada agora mesmo, lograría dar o salto. 

No partido do pasado sábado celebrado no pavillón do Frei Martín Sarmiento, a escadra pontevedresa desfíxose nun partido cheo de suspense do Mos por un punto (58-57), o que lle permite manter a súa praza de privilexio superada a metade da segunda fase da campaña.

HQR BALONCESTO Cab Vidal confort RIAS BAIXAS FOTO DE EQUIPO DO CAB E DE XOGADAS
Imaxe do partido entre o CAB e o Rías Baixas, os dous primeiros clasificados de Terceira División. DAVID FREIRE

A temporada da estrea está a ser notable para o bloque pontevedrés. Durante a segunda fase só perdeu un dos duelos contra o actual líder, o Rías Baixas. 

Pero ademais, nos doce enfrontamentos da primeira fase, só foi superado nun deles. A súa dinámica invita ao optimismo, aínda que a igualdade é máxima e calquera encontro pode resultar determinante para resolver a competición. 

A propia fase polo ascenso destaca polo curta que é (son só seis bloques e dez xornadas as que serven para determinar que equipos da delegación viguesa e arousana terán dereito a ocupar un lugar na Segunda División o vindeiro curso).

A escadra pontevedresa está composta por catro xogadores pontevedreses, un de Marín, un de Barro, un de Baiona, un de Redondela, dous canarios e un rioxano 

O club só bota en falta que máis rapaces formados no club puidesen formar parte do primeiro proxecto. Por estudos ou por outros motivos, non hai unha gran presenza deles. 
Iso si, os actuais xuvenís comezan a ter espazo nas convocatorias, a medida que o seu proceso formativo os vai convertendo en mellores xogadores. Van facendo un oco no que debe ser o seu equipo nas próximas temporadas. 

Actualmente o colectivo está formado por unha interesante amalgama de deportistas: dous canarios e un rioxano poñen un acento diferente a un grupo que tamén conta con baloncestistas de Baiona, Redondela, Barro, Marín e, por suposto, catro pontevedreses que intentarán levar a Segunda División ao único equipo sénior da cidade, despois de moitos anos competindo en categorías de ámbito zonal.

No triunfo contra o Mos produciuse un remate de encontro agónico, a pesar da ampla vantaxe da que dispuxo a escadra de Mauri Fernández ao remate do terceiro período.

O xogo coral do CAB Vidal Confort é unha das virtudes e das fortalezas dun bloque no que unha gran parte dos seus compoñentes tiñan capacidade para anotar. Un colectivo que en abril saberá se dá o salto a Segunda Autonómico ou ten que conformarse coa actual competición.

Comentarios