O calendario aperta ao Teucro

O equipo azul afronta dez partidos en sete semanas nun calendario con tres partidos adiados, dous entre semana e dous duelos programados nunha mesma fin de semana
Irene Vilaboa charlando coa súa axudante, Rosa Vilaboa, na pista do Municipal. DAVID FREIRE
photo_camera Irene Vilaboa charlando coa súa axudante, Rosa Vilaboa, na pista do Municipal. DAVID FREIRE

O Teucro afronta o calendario máis apertado da súa vida recente na procura de oportunidades de salvación. O equipo dirixido por Irene Vilaboa deberá disputar dez partidos en sete semanas para poñer fin á primeira fase da División de Honor Plata.

A incidencia da Covid-19 dentro do colectivo pontevedrés, ao que lle afectou con dous gromos diferentes e tres suspensións de partido, debúxalle un panorama complicado. O bloque da cidade do Lérez deberá xogar dous envites entre semana e agregar dous partidos nunha mesma fin de semana, xa en febreiro.

A carreira cara a permanencia principia cun dos duelos máis relevantes: o Balonmán Soria pode ser un rival directo para a SD Teucro, sobre todo se o bloque azul é quen de derrotalo no Municipal o próximo sábado (20.00 horas).

A próxima semana comeza a recuperación das datas atrasadas para os azuis coa disputa do choque en Zarautz, ante Amenabar.

Tres días despois da longa viaxe, o Teucro mídese ao Burgos a domicilio. Será o domingo 23 ás 12.00 horas en chan castelán. Preto de 3.000 kilómetros en catro días.

A seguinte semana terá algo máis de normalidade, só se disputaría un duelo, contra o Atlético Novás en Pontevedra. O choque estaría previsto para as 12.00 horas do domingo no Municipal.

O mércores 2 de febreiro chegará o derbi da segunda volta, que se debeu adiar ao remate de ano. Ás 20.30 se levará a cabo ese Cisne - Teucro intrascendente.

Poucos días despois, desprazamento a Alcobendas (sábado 5, ás 18.30 horas).

Outra semana tranquila, sen compromisos entre semana, finalizaría o 12 de febreiro co Villa de Aranda - Teucro en chan burgalés (sábado 12 de febreiro 19.00 horas).

O Teucro recibirá ao Amenabar unha semana máis tarde nunha fin de semana especialmente estraña, con dous compromisos. O domingo á mañá seguinte, os azuis mediránse ao Guadalajara (12.30 horas).

Como fin de festa, á semana seguinte, o propio Guadalajara recibirá ao Teucro.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios