A campioa olímpica Vlada Chigireva visita a cidade de Pontevedra

A gañadora do ouro en Río 2016 e Tokyo 2020 reuniuse co alcalde e o concelleiro de Deportes
Encuentro con Vlada Chigireva. DP
photo_camera Encontro con Vlada Chigireva. DP

A campioa olímpica de natación artística Vlada Chigireva compartiu un anaco do seu tempo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e co tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

A deportista de nacionalidade rusa logrou o ouro en Río 2016 e Tokyo 2020 e conta cun palmarés de até 26 medallas internacionais en mundiais e campionatos europeos. Chigireva deixou a súa pegada no Complexo Deportivo Rías do Sur en dúas xornadas organizadas polo Club Galaico Sincro co apoio do Concello no que as nadadoras locais puideron aprender de primeira man algúns dos seus consellos e adestramentos, mais tamén clubes de toda a provincia e mesmo do norte de Portugal participaron nestas xornadas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compartiu unha conversa moi amable e distendida coa nadadora, amais de agasallala cun colgante de San Francisco que levará de volta para a súa terra. Chigireva confesou estar "encantada" coa cidade, facendo fincapé na gastronomía e no cómoda e fermosa que é. O rexedor, pola súa banda, lembroulle que pode regresar cando queira, que queda invitada a pasear de novo polas súas rúas e a traballar e colaborar coas deportistas da cidade.

Lores destacou o importante deste tipo de visitas, da chegada de referentes de calquera eido á hora de permitir coñecer e visibilizar deportes que non contan cun apoio masivo, e que achegamentos así axudan ao seu crecemento. Na conversa tamén lle cuestionaron sobre a súa futura participación en París 2024, mais Chigireva sinalou que aínda era algo cedo para sabelo.

Comentarios