O Nacional quenta motores

Pontevedra presenta o campionato de España sprint, que se celebrará a fin de semana na contorna do Lérez con 1354 deportistas

Un momento da presentación do Campionato de España de Tríatlon Sprint. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un momento da presentación. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra será o centro neurálxico do tríatlon español coa celebración a fin de semana do Campionato de España en distancia Sprint, que foi presentado onte.

1.354 triatletas procedentes de toda España daranse cita na Boa Vila para o deleite da afección. A avenida de Bos Aires converterase tanto o sábado como o domingo no epicentro deste evento, que desenvolverá o seu segmento de natación no río Lérez, nas inmediacións da Ponte dos Tirantes, e os de ciclismo e carreira a pé no contorno das marxes fluviais.

As probas de categoría Elite, grupos de Idade e Paratríatlon completarán as distancias de 750 metros de natación, case 20 kilómetros de ciclismo e 5 kilómetros de carreira a pé final, garantindo así o espectáculo e a velocidade das mesmas. As de deportistas de categorías cadete, xuvenil e xúnior serán aínda máis curtas, sobre a distancia superesprint, con 250 metros de natación, 6,3 kilómetros de ciclismo e 1,5 kilómetros de carreira a pé.

Ver máis | Estas serán as restricións de tráfico polo Campionato de España de Triatlon Sprint

Ademais, celebraranse con formato de series clasificatorias (tres por categoría e xénero), nas que se porán en xogo as prazas para a gran final de cada categoría.

O Campionato de España de Tríatlon Sprint Pontevedra 2021 foi presentado este martes na nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o membro da xunta directiva da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri) Enrique Hernández, en representación da Federación Española (Fetri).

O Campionato dará comezo o sábado 2 de outubro ás 9:00 horas, e ata case ás 12:00 horas disputaranse de xeito consecutivo as series clasificatorias das categorías cadete masculina (con 171 triatletas inscritos); cadete feminina (120); xúnior masculina (114); xúnior feminina (58); xuvenil masculina (166), e xuvenil feminina (114).

As primeiras finais serán as cadetes, ás 14:00 horas a masculina e ás 14:10 horas a feminina, celebrándose a continuación as de categoría xuvenil, ás 15:40 horas a masculina e ás 15:50 horas a feminina, e as da xúnior, ás 16:30 horas a masculina e ás 16:40 horas a feminina.

O sábado pecharase coas probas elite, nunha saída única, ás 17:15 horas para a categoría feminina (96 deportistas inscritas), e ás 19:00 horas para a masculina (100). O domingo 3 terán lugar as competicións de grupos de idade (380), a partir das 9:00 horas, e de Paratríatlon (35), coa primeira saída ás 12:00 horas.

O edil de Deportes, Tino Fernández, asegurou que "falar de tríatlon é falar de Pontevedra e falar de Pontevedra en actividades deportivas é falar de tríatlon, e resulta xa bastante difícil atopar un ano no que non se celebre unha proba de tríatlon de alto nivel na nosa cidade e mesmo naqueles anos que foron máis complicados pola pandemia fomos quen de organizar eventos de tríatlon de moi alto nivel e con resultados positivos no que atinxe ás medidas de seguridade e control".

Pola súa banda, Fernández Lores destacou "o esforzo realizado mesmo en época de pandemia para organizar probas de alto nivel" e asegurou que, con este Campionato de España, "retomamos a celebración de eventos coa participación de moitísima xente e que ademais traen a moita xente a Pontevedra", seguindo "esa política do Concello que ten que ver co deporte de base, o deporte para todos, o deporte de clubs, pero tamén co deporte de elite, xa que son exemplo a imitar".

Comentarios