Brais Canosa e Alice Finot voan no asfalto de Lourido

O do Náutico de Narón gañou na categoría masculina e a francesa foi a mellor na feminina do Duatlón Movéndonos por Poio ► Máis de 300 deportistas tomaron parte nunha proba na que reinaron unhas boas condicións climatolóxicas
Os atletas, durante o seu esforzo nas diferentes quendas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Os atletas, durante o seu esforzo nas diferentes quendas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Brais Canosa e Alice Finot foron os máis rápidos no Duatlón Movéndonos por Poio que este sábado completou a cuarta edición no asafalto de Lourido.

O atleta do Náutico de Narón completou a proba cun rexistro de 57:36, que lle valeu para impoñerse na carreira sen corte, a primeira que se completou na xornada, e ademais ser o mellor do agregado de participantes de tódalas categorías.

Canosa foise na compaña de Jaime Bueno Farto na primeira quenda. Ámbolos dous dominaron o primeiro sector de carreira a pé, poñendo terra de por medio cos seus perseguidores mercede ao seu elevado ritmo, lixeiramente superior aos tres minutos por quilómetro.

undefined

A chave do triunfo do competidor do Náutico de Narón estivo no sector de bicicleta, no que Bueno non foi quen de manter o seu paso e foi perdendo tempo a cada quilómetro. De tal maneira, o do Narón afrontou os últimos 2,5 quilómetros de carreira en solitario para asinar o tempo final de 57.36 que lle permitiu ser o máis veloz do agregado das dúas carreiras masculinas.

Na súa serie, o segundo clasificado foi Pablo Freire García, que superou a Jaime Bueno indo de menos a máis e tirando proveito da súa mellor bicicleta.

Na proba con corte, que se disputou posteriormente, Gustavo Santiago foi o máis veloz e rematou cun tempo superior en once segundos a Canosa. Santiago fixo o primeiro sector de carreira pedestre xunto con Facundo Ismael Medard. Foi a súa mellor bicicleta a que lle permitiu fuxir da vixiancia do seu compañeiro de fatigas nos 5.000 metros primeiros.

undefined

O remate da proba foi realmente emocionante na pelexa polo segundo lugar, xa que Medard e David Campos entraron separados por un suspiro, cun desenlace favorable a Campos, que foi o segundo da súa quenda e o terceiro da xeral absoluta agregada.

Clasificación

En categoría feminina, Alice Finot gañou con relativa autoridade, ao ser a mellor a pé. Iso permitiulle administrar un colchón a pesar de que na bicicleta non foi das máis veloces. A atleta francesa do Atletismo Porriño chegou á liña de meta cun rexistro de 1:04:16, por diante de Sara Guerrero, que finalizou no segundo lugar, e da súa compatriota Charlotte Marie Mouchet, que superou a Aída García na pelexa polo terceiro lugar do podio por unicamente dez segundos.

Brais Canosa foi o gañador da categoría sénior absoluta. Entre os sub-23, o máis veloz foi David Campos, mentres que o mellor xunior foi Hugo Prida Lobelos. Canto a grupos de idade, o campión do Mundo Jorge Janeiro foi o mellor na categoría de Veteráns-1, Elías Domínguez impúxose en Veteráns-2, e en Veteráns-3 mandou Manuel Pastrana.

En categoría feminina, a mellor xúnior foi Erika Pérez, en xuvenís venceu Lucía Piñón, mentres que a vencedora das sub-23 foi Alba Muñiz. Aída García liderou o grupo de Veterás-1, mentres que María Elena Miguenz foi a vencedora de Veterás-2.

O público puido gozar da proba, celebrada baixo unhas agradables condicións meteorolóxicas

Comentarios