martes. 16.07.2019 |
El tiempo
martes. 16.07.2019
El tiempo

A canteira non ten prezo

Javi Pazos celebrando o gol de Rivera contra o Guijuelo. RAFA FARIÑA
Javi Pazos celebrando o gol de Rivera contra o Guijuelo. RAFA FARIÑA

O gol de Rivera pon en valor o traballo coas categorías base do club de Pasarón ▶ Oito futbolistas con pasado nos equipos inferiores granates xogaron en liga este curso

Un gol dun canteirán, Rivera, mantén vivo ao Pontevedra na loita do equipo granate por unha praza de promoción de ascenso. A aparición do xogador vilagarcián non supón unha excepción á política do club dos últimos tempos. O bloque de Pasarón leva toda a década incluíndo no seu plantel a futbolistas con pasado nos seus equipos inferiores. Na presente campaña xa son oito os canteiráns que xogaron no primeiro plantel nalgún partido de Liga, con menor ou maior influencia no rendemento do colectivo. Deles, sete dispoñen de ficha do equipo de Segunda División B.

A súa presenza na entidade de Pasarón revela unha aposta concreta que se manifesta na transferencia de futbolistas do filial e o xuvenil ao primeiro equipo e na repesca de deportistas con pasado granate.

Rivera segue os pasos dos irmáns Juan e Jesús Barbeito, que foron fundamentais na consecución do obxectivo da permanencia do equipo de Pasarón no pasado curso. Ámbolos dous dispoñen de licencia do equipo de Segunda B na actualidade, aínda que perderon protagonismo con respecto á pasada campaña, na que alternaban co cadro xuvenil.

O dato
Fichados para crecer Edu foi contratado para o filial e Kevin para o xuvenil, ambos na temporada 2012-13

Rivera foi fichado para o equipo xuvenil de División de Honra procedente do Deportivo, hai dous veráns, e agora destaca como máximo goleador do grupo V de Primeira Rexional, con 24 goles.

O filial do Pontevedra, en crise nas últimas temporadas polo feito de competir nunha categoría moi baixa desde hai tempo (parece que na presente campaña está en disposición de ascender a Preferente Galicia), ten detrás del unha importante historia de achegas ao primeiro plantel.

Dos membros do colectivo que dirixe Luismi, varios fixeron un curso ponte no filial para poder dar o salto ao seu actual destino. Foi o caso de Edu Sousa. O capitán granate foi fichado para formar parte do B na temporada 2012-13. Aquel ano, o tudense non tivo participación no primeiro equipo, pero no curso seguinte fíxose acredor dun lugar no plantel de Terceira División e acabou conquistando a titularidade.

O mellor
Serie interminable Loureiro, Adrián, Tubo, Bruno ou Fandiño pasaron polo Pontevedra B antes de debutar

O caso de Edu é similar ao de Kevin. O ponteareán fora incorporado no seu último ano de xuvenil. Na campaña 2013-14, cando formaba parte do filial, debutou co cadro semiprofesional e hoxe é un elemento indispensable para a escadra da cidade do Lérez, o segundo home que máis partidos leva disputados dos actuais compoñentes do grupo, camiño dos 200 que Edu xa superou.

Javi Pazos debutou co Pontevedra en Lugo, en maio de 2011, cando aínda era xuvenil. A súa fama de goleador fíxolle ir gañándose o dereito a participar no primeiro plantel en anos sucesivos. Estea máis ou menos afortunado co gol, Pazos, repescado para o club o pasado verán procedente do Arosa, sente intensamente os triunfos do seu conxunto.

Pibe tamén alternou xuvenil, filial e primeiro equipo na campaña do seu debut, a 2012-13, na que o once granate estaba constituido case integramente por futbolistas da canteira. Regresou ao club o pasado xaneiro de 2018.

David Castro chegou a xogar no xuvenil antes de facer unha positiva incursión no fútbol rexional que o devolveu ao Pontevedra, procedente do Céltiga, o verán de 2017.

Os oito futbolistas que xogaron na liga este ano son os exemplos máis próximos no tempo, pero non os únicos do bo uso que o PCF fai do seu filial ou xuvenil.

En anos anteriores, Adrián Gómez, Bruno, Miguel Loureiro, Tubo, Tomás, Fran Fandiño, Kevin Levis ou Caco pasaran polo segundo equipo ou o xuvenil do Pontevedra antes de afianzarse no primeiro plantel. Históricos xogadores do club, como Canabal, Diego Pérez, Pablo Couto, Pablo Vázquez ou Fran Rico tamén pasaron antes pola base da entidade.

A canteira non ten prezo
Comentarios