Carlos Álvarez logra o ouro no Campionato de Europa Junior con España

O xogador do Cisne logrou tres goles na final contra Portugal, na que os hispanos lograron remontar catro dianas de desvantaxe no último cuarto de hora para facerse co triunfo
Os hispanos xúnior celebran o título Europeo. RFEBM
photo_camera Os hispanos xúnior celebrando o título Europeo. RFEBM

Restaban doce minutos para o remate do partido e España estaba na lona, rozando o K.O. Perdía por catro goles, 32-28, e ademais viña de sufrir unha exclusión por dous minutos. O combinado español non era quen de frear a primeira liña lusa. Os irmáns Mota da Costa e Sousa eran un pesadelo para a súa defensa e para un murcho Domenech, incapaz de deter lanzamentos desde ningunha localizacion.

O Centro de Desportos e Congressos de Matosinhos víñase abaixo ante o inminente triunfo dos seus cachorros. Entón comezou outro encontro. O balonmán deixou a cancha e entrou na mente. E na batalla psicolóxica, Portugal non puido coa presión.

O bloque luso principiou a tomar malas decisións, as súas estrelas comezaron a precipitarse unhas ocasións, a realizar imprecisos pases noutras, a errar. E Domenech empezou a parar. España, que non se deixara levar pola desesperación, malia as grandes dificultades que chegou a ter na súa liña defensiva, cheirou o sangue e foi á caza da súa presa.

Desde o 32-28, o combinado nacional enlazou un parcial de seis goles para chegar ata o 32-34.

En parte do éxito tivo protagonismo Carlos Álvarez Domínguez. O extremo dereito do Cisne demostrou o sangue frío e corazón quente que define os campións. Non achantou nas poucas ocasións nas que os seus compañeiros o atoparon e cunha grande eficacia (tres tiros, tres goles) axudou o bloque preparado por Rodrigo Reñones e Nacho Moyano a seguir con vida. Dúas das súas dianas foron transformadas na metade do segundo acto, cando máis quentaba o sol. Rematou o partido desde o banco, gozando da traca final desde a banda.

España fixo un parcial de 6-0 que lle permitiu pasar de perder 32-28 a 32-34

A diferenza dos lusos, España controlou mellor o ritmo cardíaco para poder chegar ata o remate facendo unha correcta administración da vantaxe. Un lanzamento de Reguart e unha contra de Nieto  serviron para manter a distancia hispana ata o penúltimo ataque. Sousa non se rendía e levaba o partido ata o 35-36: a ameaza de pasivo ante a defensa aberta do inimigo á procura do roubo de balón ou do erro español obrigou o tempo morto de Reñones.

De volta do parón, co brazo erguido da parella de colexiados franceses, España atopou o brazo armado do seu mellor home sobre a cancha, Jan Gurry. O seu disparo petou nos brazos dun defensa, desviou a traxectoria, enganou a Ferreira e acabou na rede. Restaban menos de 20 segundos e España era campioa de Europa.

A ledicia desatouse no banco, entre os xogadores. España cobrou a revancha da primeira fase para roubar o ouro de Matosinhos.

Entre os protagonistas, un dos grandes do balonmán pontevedrés, Carlos Álvarez Domínguez, que engorda o seu palmarés, máis largo que o da meirande parte dos deportistas de elite en toda a súa carreira deportiva. E só con 19 anos.

Ata chegar a aquel momento do encontro, o duelo viviu un intercambio de golpes que mantivo a igualdade durante os primeiros 30 minutos. Os ataques amosaron máis acerto que as defensas e as porterías.

A próxima fichaxe do Cisne, o lateral luso Gabriel Cavalcanti, sumou tres dianas

España intentou disuadir o acerto dos irmáns Mota da Costa e de Sousa con escaso xeito. A defensa aberta parecía non incomodar demasiado aos locais. O pavillón fervía entre os ánimos das bancadas dos dous bloques, pero a superioridade numérica do respectable portugués traduciuse nas primeiras vantaxes dos seus rapaces.

Durante a meirande parte da primeira metade, España foi a remolque no resultado, aínda que cunhas marxes tan estreitas que en ningún momento alcanzaron tintes preocupantes.

Eses chegaron despois do descanso. Unha dobre exclusión dos hispanos foi a orixe do que parecía a fin. A primeira liña lusa executaba e facía xogar. Os poderosos lanzamentos dos irmáns Mota Da Costa alternábanse con fintas e penetracións que reventaban o esquema defensivo hispano. E logo estaba Sousa, seguramente non tan potente, pero coa habilidade dunha bailarina para danzar no medio dun bombardeo.

Todo, sumado aos momentos de inspiración de Ferreira baixo paos levou ao +4 dos locais, que se prolongou ata que a tensión pola vitoria inminente entrou no sistema nervioso portugués e levou a España a unha remonta épica.

Ficha do partido
35 - Portugal: Marques; Teixeira (-), Francisco Mota da Costa (11, 3p), Sousa (9), Martim Mota da Costa (5), Pedro Oliveira (1) y Queiros (-) -equipo inicial- Ferreira (ps), Cavalcanti (3), Viana (3), Miguel Oliveira (-), Costa (-), Gomes (1), Melo (-) e Brandão (2).

37 - España: Domenech; Antonio Martínez (1p), Lodos (2), Javi Rodríguez (3), Furundarena (1), Gurri (8, 3p) y Arnau Fernández (3) -equipo inicial- Daniel Martínez (ps), Urruzola (-), Soler (2), Mujika (3), Serrano (1), Nieto (3), Reguart (7), Parera (-) e Carlos Álvarez (3).

Marcador cada cinco minutos: 2-2, 4-6, 7-7, 11-11, 13-13, 16-15; descanso; 20-18, 25-22, 30-26, 32-30, 32-33 e 35-37.

Árbitros: Carmaux e Mursch (Francia). Excluiron con dous minutos a Cavalcanti e Brandão de Portugal e a Furundarena, Lodos e Gurry de España.

Incidencias: Final do Campionato de Europa Junior de balonmán disputado no Centro de Desporto e Congressos de Matosinhos.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios