Carrillo pecha a súa fichaxe polo Barcelona

O Pontevedra acorda unha serie de cláusulas no caso de que o porteiro debute co filial e co primeiro equipo

Jorge Carrillo, promesa do fútbol pontevedrés. JAVIER CERVERA
photo_camera Jorge Carrillo, nunha das porterías de Pasarón. JAVIER CERVERA

A operación foi longa, pero as partes chegaron a un acordo e, finalmente, Coke Carrillo marcha traspasado ao Fútbol Club Barcelona.O arqueiro, que comeza esta tempada a súa etapa xuvenil, incorporarase en breve á disciplina blaugrana.

Moitas das principais canteiras do fútbol español puxaron para facerse cos servizos dun porteiro que, pese a estar en idade cadete, destacou en sobremaneira co Xuvenil A do Pontevedra no Grupo I de División de Honra e foi chamado pola selección española sub-16 para un adestramento. Ao final, a oferta do conxunto catalán foi a que máis convenceu tanto ao rapaz -fan declarado de Ter Stegen- , como aos seus pais e ao propio Pontevedra.

As negociacións, que comezaron xa a finais de 2017, remataron dunha forma favorable para o clube pontevedrés. Porque pese perder ao principal valor da súa canteira actualmente, leva unha substanciosa cantidade de diñeiro polo traspaso en si, ademáis de ter acordado unha serie de cláusulas co Barcelona. Como adoita ser habitual nestes casos, se o porteiro chegase a debutar co filial –agora mesmo na Segunda División B-, o conxunto pontevedrés cobraría aproximadamente o dobre do que levou polo traspaso. E se conseguise xogar co primeiro equipo barcelonés, a cuantía multiplicaríase.

Comentarios