A francesa Cecile Lejeune fíxose co triunfo da II edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo que se disputou este domingo sobre unha distancia de 99 quilómetros. En categorías xúnior e cadete, sobre distancias máis reducidas, María Filgueiras e Lorena Patiño, do XSM Santomé de Piñeiro, quedaron ás portas do triunfo e foron segundas. Preto de medio milleiro de corredoras das categorías xúnior, cadete, máster e elite e sub-23 competiron na cita valedeira para a Copa de España.
Lejeune protagonizou unha gran remonta no treito final da proba absoluta, na que foi quen de capturar as dúas corredoras do Laboral Kutxa que marchaban liderando e gañarlles o esprint final na meta situada nas Corvaceiras.
A carreira disputouse a gran velocidade, pero sen moitos ataques. Na segunda subida ao alto da Porteliña, Eneritz Vadillo e Alba Teruel ficaron en cabeza no que cheiraba a exhibición do Laboral Kutxa. Pero, por detrás, a gañadora final foi quen de desfacerse da vixiancia do pelotón e entre o descenso e o treito plano en dirección de regreso a Pontevedra foi quen de empalmar coa cabeza.

A parella vasca amosou menos forzas cá francesa, que malia o esforzo por cazar, conservou enerxías para superar nun axustadísimo esprint a Alba Teruel. Vadillo non tivo forzas para disputar a chegada e rematou terceira.
Por detrás das ocupantes do podio, chegou un grupo de 13 corredoras. Máis atrás compareceron en meta as primeiras representantes do CC Farto, Agata Flis (trixésimo primeira) e Lina Svarinska (trixésima sétima) nun grupo no que tamén chegou á meta a marinense Irene Trabazo, do XSM Santomé de Piñeiro (posto 35). Todas elas a máis de tres minutos da vencedora. A pontevedresa Saleta Castro concluíu no posto 61 na que era a súa segunda experiencia co filial do CC Farto. No mesmo grupo ca ela rematou a cuarta en discordia do Farto este domingo, Pilar Jiménez.
A vencedora colócase tamén no primeiro lugar da Copa de España, arrebatando o maillot a Lucía Ruiz, que foi quinta.
Filgueiras e Patiño

Na categoría xúnior, María Filgueiras, do XSM Santomé de Piñeiro, estivo a piques de conseguir o triunfo, pero non puido con Ayala Serrano, do Zu-K/Limousin. Serrano chegou á meta cunha vantaxe de dez segundos sobre a representante do equipo marinense. A gañadora cubriu os 65 quilómetros da competición cun tempo de 1:51.54. As dúas primeiras antecederon ao grupo principal coas demais favoritas, unhas dez unidades que disputaron ao esprint a terceira posición do podio, da que resultou beneficiada Clara Blanco, do Infineathai-Arabay-Vas Balear.
En cadetes, tamén disparo ao posto das marinenses do XSM Santomé de Piñeiro, coa segunda praza de Lorena Patiño, superada no man a man da chegada por Paula Ostiz, do Nafarroa Ermitagaña. Por detrás chegou un trío a 14 segundos e máius atrás o pelotón das outras favoritas.
En máster 30 impúxose Salud Morán, en máster 40 o triunfo sorriu a Marina González e en máster 50 venceu Rosa Marques.