Chamosa comeza en Andalucía o indefinido camiño a París

Antía e seu irmán Daniel preparan a temporada con dúas concentracións, coa mente posta en pelexar por unha praza dos Xogos de 2024, repartidas baixo uns criterios complexos
Antía Chamosa adestrando en Pontevedra o pasado verán. ANXO LORENZO
photo_camera Antía Chamosa adestrando en Pontevedra o pasado verán. ANXO LORENZO

Antía e Daniel Chamosa viven en Andalucía a pretemporada de 2024 coa mente focalizada no ano olímpico. Primeiro en Sevilla e despois en Granada, onde traballan os grupos de adestramento de Montse Pastor (técnica deles dous) e de Jacinto Garzón (con María Pérez á cabeza), afinan a forma e acumulan traballo antes de regresaren a Galicia en decembro.

A menor da saga conta con algunha opción máis ca seu irmán para obter o seu propósito: a obtención de unha das tres prazas ás que pode aspirar España na proba individual dos 20 quilómetros e unha das dúas para as remudas mixtas, proba que se incorpora no programa olímpico en París.

A meta máis dura para Antía Chamosa será acadar a mínima olímpica da World Athletics, cifrada en 1:29.20. A dobre medallista de bronce nos Campionatos de España de 2023 ten unha plusmarca de 1:31.24. Debe limar máis de dous minutos ao seu mellor rexistro para poder lograr o seu obxectivo, algo que vendo a evolución dos últimos anos non parece sinxelo.

As atletas coas 24 mellores marcas mundiais que teñan a mínima accederán de forma directa aos Xogos, a non ser que haxa tres representantes dun país con mellores tempos (isto vai ocorrer coas chinesas, xa que ata cinco están entre as dez mellores marcas do ranking actual).

As outras prazas, ata 48, cubriranse con deportistas incluidas dentro do ranking olímpico, pero non necesariamente por orde nesa clasificación e sempre con outras esixencias:

A obtención dunha mínima RFEA, que aínda non está definida, e ser campioa de España tamén garantiría praza para os Xogos. O estado de forma, o rendemento ou a progresión serán factores que contempla a RFEA.

Actualmente as diferenzas entre Raquel González e, sobre todo, Chamosa (terceira española do ranking), Cristina Montesinos, Mar Juárez ou Laura García Caro son tan sutís que as prazas estarán en pequenos detalles. Ambiguos e complexos os criterios e sen unha mínima RFEA definida, as propias implicadas non saben con exactitude cal é o camiño a París.

Por iso, Chamosa afronta o reto "concentrada en adestrar, sen querer meterme presión, pensando que non só hai Xogos. Porque, se non consegues o obxectivo, o golpe pode ser peor".

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios