Antía Chamosa logrou a súa segunda medalla de bronce nacional absoluta en menos dun mes. A atleta da Sociedad Gimnástica conseguíu o terceiro posto no Campionato de España de 20 quilómetros marcha que se celebrou este domingo en Córdoba.
A lerezana realizou unha nova remonta, como fixera en Cieza para subir ao podio da distancia longa, os 35 quilómetros, para acceder ao terceiro lugar do caixón. Ademais, a menor da saga dos Chamosa asegurou a súa praza na Copa de Europa de Podebrady e a mínima para participar nos Campionatos do Mundo de atletismo de Budapest en agosto.
O rexistro de Chamosa (1:31.27) supón a súa mellor marca persoal de sempre na distancia e ademais un novo récord galego, rachando co rexistro que sostiña Lorena Luaces por cinco segundos.
María Pérez, 👑 de Córdoba 👏🏼
— atletismoRFEA (@atletismoRFEA) March 26, 2023
20km #CEmarcha
🥇 @garciaperezmari ⏱️ 1:25:30 RE
🥈 @RaquelGlzCampos ⏱️ 1:30:13
🥉 Antía Chamosa⏱️ 1:31:27
¡Enhorabuena! 📊 https://t.co/75VyUwiCBC pic.twitter.com/rMxR8EC3ZZ
Ademais de Antía Chamosa, tamén tomaron parte na competición a cuntiense Carmen Escariz, do Ourense Atletismo, que rematou na sétima posición, e Daniel Chamosa, irmán de Antía, que perdeu o sexto lugar debido a unha penalización por marcha irregular no último quilómetro.
A proba feminina foi vencida pola gran favorita, María Pérez, que dobra título. A andaluza impuxo un ritmo infernal desde o comezo e concluíu cunha marca de 1:25.30, que supón un novo récord dos Campionatos.
Nos primeiros compases da carreira, Raquel González intentou seguila, pero pronto comezou a perder terreo. Por detrás formábase un nutrido grupo no que estaban as dúas pontevedresas e do que decidía desmarcarse a subcampiona de España de 35 quilómetros, Cristina Montesinos.
Ata o quilómetro seis, Antía permaneceu resgardada no colectivo, no que tamén estaban Lidia Sánchez Puebla, Mar Juárez, Lucía Redondo e Carmen Escariz. Pero a partir dese momento, cando a distancia con respecto ao terceiro lugar xa superaba os 30 segundos, tomou o mando na persecución. Paseniñamente, foi soltando adversarias ata ficar soa no cuarto lugar. Aínda así, a diferenza de tempo con Montesinos mantíñase arredor do medio minuto.
Así e todo, no treito da proba entre os dez e os quince, o ritmo machacón e constante da lerezana (arredor de 4,30/quilómetro) comezou a permitirlle reducir distancias con respecto á súa rival polo metal. No quilómetro quince atrapouna e a partir de aí, malia perder algo de velocidade (polo desgaste e polas condicións do tempo, con calor crecente no mediodía cordobés), foina deixando atrás ata consolidar o terceiro lugar e entrar na liña de meta como medalla de bronce. María Pérez e Raquel González, dúas estrelas da marcha nacional e internacional, estaban con ela no podio. Por detrás, Carmen Escariz sellaba o sétimo lugar cun tempo de 1:34.54.
Peor fortuna tivo Daniel Chamosa na proba masculina, gañada por Diego García con autoridade. O pontevedrés foi sexto ou sétimo durante a maior parte da carreira, nun bonito man a man co campión de Europa de 35, Miguel Ángel López, pero foi sancionado a pouco menos dun quilómetro para o remate e baixou ata o décimo terceiro lugar.