A PREVIA DO PCF

Chegou o momento da verdade

O Pontevedra enfróntase ao Oviedo Vetusta no primeiro dos últimos dez enfrontamentos da temporada regular. O equipo granate chega ao partido despois da derrota contra o Zamora, que rachou a súa xeira de dez xornadas invicto
En el partido de la primera vuelta en Pasarón, el PCF se impuso por tres tantos a cero. JAVIER CERVERA
photo_camera Partido da primeira volta en Pasarón fronte ao Oviedo Vetusta. JAVIER CERVERA

É o momento que separa os homes dos nenos, dicía Ramón Trecet mentres os segundos se consumían e o partido se aproximaba ao seu final. O termómetro subía de temperatura para o desenvolvemento dos momentos candentes, nos que se decidían os triunfos, as eliminatorias, os títulos. Trecet, entre outras achegas, sempre será lembrado no mundo do deporte polas súas narracións de baloncesto. Nas súas historias de aros e taboleiros acuñou ou adaptou á narrativa ibérica expresións universais da era contemporánea que non distinguen deporte, categoría nin equipo.

Así é que lle chegou ao Pontevedra o momento de diferenzar entre os homes e os nenos. Despois de case tres cuartas partes da competición, todo empeza de novo hoxe ao mediodía, en Oviedo, contra o Vetusta, filial carbayón. Empeza e empeza a acabar.

O cadro granate está, grosso modo, onde dicta o guión e onde lle esixen as súas forzas vivas: os seareiros, os conselleiros, os seus billetes e o seu pasado. O bloque de Pasarón satisface a media inglesa (triunfo na casa, empate fóra para dous puntos por duelo disputado: 24 partidos, 49 puntos), pero ocupa o segundo lugar da clasificación. Podería ter algún punto máis, algún triunfo a maiores, unha satisfacción maior e, claro está, soster o liderado. Pero está a cumprir, por agora, co pactado. O problema é que o Ourense e o Zamora están por enriba das previsións.

Así é que o PCF non está só: nas bancadas non, por suposto. Nunca o está. E na clasificación tampouco. Atopou dous rivais fiables que non entran en concesións e que chegado este momento -debeu quedar xa claro- non parecen dispostos a cooperar. Os casteláns xa o manifestaron a semana pasada, á beira do Lérez, onde demostraron personalidade, firmeza ante o asedio ofensivo granate, eficacia na área contraria e acabaron apañando os tres puntos.

Como consecuencia da súa última derrota, o equipo que prepara Yago Iglesias, que parecía destinado a puntuar eternamente en Segunda Federación, ata que o ascenso nos separe, rachou unha xeira de dez xornadas sen perder.

Dado que restan dez encontros, que son unha eternidade e ao mesmo tempo non son nada, o bloque lerezano deberá mostrarse fino como nunca para preservar as súas opcións de ser campión de grupo e subir de forma directa. E todo empeza en Oviedo, como se fose unha liga nova na que un so punto separa os tres candidatos.

Onces probables para o Oviedo Vetusta-Pontevedra CF de este domingo (12.00 horas). DP
Onces probables para o Oviedo Vetusta-Pontevedra CF de este domingo (12.00 horas). DP

Rival, en forma. O cadro asturiano recibe o Pontevedra no seu mellor momento do exercicio. Acumula tres triunfos seguidos que lle permitiron saír da zona de descenso e de play-out. Os partidos contra o Cayón, o Guijuelo e o Coruxo evidencian a vontade de seguir crecendo, sexa cal sexa o obstáculo a saltar. Os cachorros van desenvolvendo pouco a pouco as súas gadoupas nunha temporada na que a excesiva cantidade de empates estaba a condicionar o seu lugar na clasificación.

De feito, en tres semanas foron quen de sumar tantas vitorias como no resto do curso.

Non era preciso que o Vetusta lle anunciase a súa evolución ao cadro de Yago Iglesias. Pode estar seguro o filial de que, dadas as aperturas que se viven no faiado, o Pontevedra se erguerá consciente do que ten entre mans: da concentración que require o partido e da necesidade do triunfo.

Yago Iglesias, que ten por hábito restarlle drama ao momento, sabe que en Asturias non se dispara a última bala. A estatística está do seu lado. Non hai equipo que ascendese ou deixase de facelo por perder ou gañar un partido de dez. O preparador afianza a súa idea e a súa intención despois da derrota da fin de semana, porque o contido do partido do Zamora non se correspondeu exactamente co continente.

CONFIANZA. O seu bo facer non se traduciu no resultado, pero este, á súa vez, non alterará a forma de actuar na seguinte estación.

En Asturias, a escadra granate terá outro inimigo histórico, un rival que nunca lle agradou: a mañá. Non lle fixo ben, tradicionalmente, un desprazamento para xogar ao mediodía ao bloque lerezano, ao que sempre lle gustou máis aquilo de competir despois de xantar que facelo despois de almorzar. Non hai explicación científica para entendelo, pero o de madrugar tendeu a dar malos resultados. Na actual temporada é a segunda experiencia matutina para os de Iglesias: na anterior oportunidade, o PCF rescatou un empate de Avilés.

O preparador ribeirense do Pontevedra contará con tódalas súas pezas para o choque en chan asturiano. Recuperado e reintegrado no grupo, todo apunta a unha nova titularidade de Rufo na punta, malia a xeira goleadora de Charly.

Comentarios