Chu, o derradeiro romántico do fútbol

O Umia homenaxeou no derbi municipal ao seu mítico dianteiro, que deixou o club despois de case 30 anos goleando vestido de vermello
Chu, no medio, coa camiseta da súa homenaxe. CEDIDA
photo_camera Chu, no medio, coa camiseta da súa homenaxe. CEDIDA

Comezou con dez anos xogando nos cadetes. E ata os 39, adicouse a marcar goles co Umia CF, un equipo que é algo máis cun simple escudo para el. Este verán, despois de xogar "moi pouco" a pasada campaña, José Manuel Castro Chu (Barrantes, 1981) decidiu dar un paso ao lado e marchar do equipo da súa vida. E no derbi do pasado fin de semana ante o Ribadumia, o seu club decidiu darlle a homenaxe que unha personalidade así merece.

Chu, coa camiseta da súa homenaxe. CEDIDA"Preguntáronme se ía ir ao partido e algo me cheiraba. Cando cheguei dixéronme que saíse ao campo. Fixéronme un pasillo, fixen o saque de honra e regaláronme unha camiseta. Foi moi bonito. E aínda por enriba, é que eu son de bágoa fácil", explica Chu, que preto de cumprir os 40 dá as súas derradeiras patadas ao balón no Xuventude de Sisán, un novo equipo creado por "amigos de toda a vida" co que pretende deixar o fútbol subindo a Segunda.

A homenaxe a Chu foi o punto final definitivo do dianteiro a un equipo que é o seu "amor eterno" e no que cumpriu 24 anos de goles, como reza a camiseta da súa homenaxe. "Marchei por vello, pero aínda non o dou asimilado", apunta o de Barrantes, que debutou co primeiro equipo sendo xuvenil en Preferente e marchou coa cabeza tranquila: "Dixen que eu non marchaba ata deixar ao equipo de novo en Preferente e así foi".

OUTRAS OFERTAS. O sentimento de aprezo de Chu co Umia non ten nada de impostado. E é que o dianteiro chamou a atención de moitos equipos nos seus bos anos de polas ducias de goles que marcaba. Sen embargo, nunca quixo dar o paso de deixar ao equipo da súa parroquia: "Eu preferín o Umia aos cartos".

Portonovo en Preferente, Dena ou mesmo o rival Ribadumia chamaron á súa porta. Chu si estivo preto do equipo sanxenxino cando o adestraba Ricardo Fernández: "Somos amigos e tíñame convencido, pero cando chegou o momento non fun capaz. Pensaba en marechar e enchíanseme os ollos de bágoas".

Comentarios