Ciclismo como modo de vida

O Poio Bike Club é un dos clubs de formación ciclista máis importantes de Galicia, con máis de 80 rapaces nas súas ringleiras. Fai fincapé na importancia de valores como a educación vial, o respecto polo medio e a nutrición
Foto de familia do Poio Bike club. CEDIDA
photo_camera Foto de familia do Poio Bike club. CEDIDA

O ciclismo é un deporte, un modo de transportarse, un estilo de vida para os máis románticos e tamén unha aventura. Para aprender a enfocar todas esas maneiras de concebir as dúas rodas, o Poio Bike Club desenvolve desde a súa fundación un traballo formativo entre os rapaces da comarca que o converten nunha referencia.

O club conta con algo máis de 80 rapaces nas súas escolas. Pero non só ten baixo o seu acocho a menores, senón que dispón de tódalas categorías, tamén máster e turista.

Un dos seus pequenos logros do último ano foi o crecemento de deportistas femininas, que xa se aproximan a un 30 por cento do total. O cambio máis significativo produciuse nas idades de iniciación. Pouco a pouco van achegándose a un deporte no que tradicionalmente sempre houbo unha grande diferenza de práctica entre homes e mulleres.

Non só hai diversidade en materia de idade, procedencia e xénero dos ciclistas, senón tamén nas modalidades sobre as que versa a formación do club. A entidade traballa con tódalas disciplinas. Estrada, fondo e contrarreloxo, a modalidade olímpica de campo a través en montaña, o descenso, maratón, pump track, enduro.. Cada unha delas ten unhas particularidades e atractivos que fan que os seus ciclistas se decanten por unhas ou por outras.

O aspecto didáctico é prioritario para a alma mater deste proxecto, Paco Albar, director deportivo e presidente. "Queremos formar rapaces a través do ciclismo", explica. Albar tamén é consciente de que, despois de oito anos de existencia do club, o proceso non remata na aprendizaxe. Para moitos xa chegou o momento de competir. E para esa meta, o Poio Bike Club abriu outra fiestra.

"Unha vez saen da escola, facemos un seguimento para valorar o rendemento". Moitos queren seguir probándose e acoden a Copas de España ou a probas de ámbito autonómico ou nacional. A competición vai tendo cada vez máis peso a medida que máis deportistas van cubrindo o ciclo e dan o salto a categorías máis esixentes.

A institución presume xa de algúns campións na súa curta historia. Héctor García Neira conseguía o primeiro título para o club hai dous anos. Recentemente, Ricardo Escudero foi campión galego de descenso, Hugo Silva campión de España master 30 de Policía Local, Marta Fernández primeira en resistencia. Os resultados non son unha prioridade, pero dan valor ao traballo e moral para continuar co desempeño da entidade.

"Intentamos ofrecerlles saída a aqueles que tamén intentan enfocar o ciclismo cara unha faceta profesional. Axudámoslles a que consigan ese obxectivo".

Pero hai máis que formación e competición. Así, a relación cos outros clubs ciclistas, tanto da contorna como de outras partes de Galicia, é excelente. O CC Maceda ou o CC Cambre son algúns dos que máis os orientaron no seu traballo. En xeral "aprendemos moito de todos e intentamos tamén compartir os nosos coñecementos e ideas. Estamos en sintonía", explica Albar.

Co propio Super Froiz, entidade de referencia a nivel elite da comarca, a relación é excelente.

Así, na súa presentación, o club convidou a Evaristo Portela, director deportivo do Froiz, para poder escoitar os seus consellos e beber da súa sabedoría. Para o Poio Bike Club, ser canteira dun dos mellores conxuntos ciclistas de competición de Galicia sería un bo premio de cara ao futuro e unha oportunidade e motivación.

Entre os próximos proxectos que ten entre mans, está a Copa de Galicia de estrada infantil, na que intentará competir coa súa escadra.

O club tamén organiza probas e eventos. Un deles é o campionato galego de mountain bike 2024. E ademais, en xuño levará a cabo unha nova edición do MiniBTT que se desenvolverá en Monte Castrove.

O Poio Bike Club ten a súa forma de concebir o deporte, de apostar pola saúde, pola ilusión que implica a mellora constante dos máis miúdos e a súa educación. Ademais, implica os pais dos deportistas, de maneira que adquiran eles tamén conciencia do que debe significar o ciclismo.

Comentarios