Cisne Los Sauces e Villa de Aranda, vidas paralelas con traxectorias similares

O equipo pontevedrés pon a proba o seu liderado da categoría contra un rival co que comparte traxectoria nos últimos tempos
undefined
photo_camera Jabato. DAVID FREIRE

O Cisne Los Sauces recibe esta tarde a un dos moito grandes favoritos a ascender a Asobal da División de Honor Plata, o Villa de Aranda. Ás 18.00 horas, no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, saltarán á cancha os compoñentes de dous equipos que cada día están máis familizarizados cos rostros de enfronte.

As vidas paralelas que levan burgaleses e pontevedreses fanlles compartir categoría nos últimos tempos. Por quinta temporada consecutiva compiten na mesma liga, o que non deixa de ter o seu mérito tendo en consideración que os dous viviron un ascenso e un descenso nese camiñar polo balonmán nacional. Experimentaron ámbalas dúas situacións ao mesmo tempo.

O Villa de Aranda viviu un final de década pasada relativamente convulso, con algunhas complicacións económicas e un troco de directiva. O momento máis complicado foi o seu descenso de Liga Asobal na campaña 2016-17, despois de varios exercicios entre os mellores clubs de España e mesmo a disputa das prazas europeas.

O Club Cisne, daquela, intentaba afianzarse na que é a súa actual categoría. Sempre coa base da canteira como valor, os pontevedreses viviron inicios complicados en Prata, pero remataron conseguindo o seu obxectivo de asentarse como un inquilino fiable de Prata.

No exercicio 2017-18, burgaleses e lerezanos viviron o seu primeiro curso en común. Daquela con obxectivos ben distintos. Sempre máis ambiciosos os dos arandinos, superiores aos cisneístas canto a orzamento, masa social e historia na elite.

Sen embargo, xa naquel primeiro ano, no que o club procedía dunha situación económica difícil que lle obrigara a apertar o cinto, o Villa de Aranda comezou a coñecer de preto ao Cisne Los Sauces. Ambos equipos remataron o campionato na zona baixa da táboa.

Os pontevedreses sumaron 26 puntos e acabaron décimos, sen grandes penurias para seguir na segunda categoría española. Os casteláns, con 24 puntos, concluiron antepenúltimos, pero conservaron a súa praza na Liga.

Ao ano seguinte, as vidas paralelas continuaron o seu curso. Os dous puntos de diferenza do campionato anterior quedaron reducidos á nada. A campaña 2018-19, empataron a 29 puntos e remataron no medio da táboa, oitavo Villa de Aranda, noveno o Cisne, sen problemas pola permanencia e sen opcións de ascenso para ningún dos dous.

Dobre ascenso. E entón chegouse ao exercicio 2019-20, no que o Cisne Los Sauces logrou o ascenso de maneira directa como campión de grupo, con 33 puntos no momento no que se detivo a competición por mor do covid.

Naquela campaña o Villa de Aranda era segundo e presentábase como principal rival cisneísta polo ascenso directo no treito final do curso. E máis despois de vencer aos de Jabato no Municipal, quince días antes de que o mundo se detivese pola pandemia.

O que acontecería se a normalidade tivese seguido o seu curso é balonmán ficción. A realidade foi que ambolos dous ascenderon. Pero así como ascenderon, caeron a División de Honor Prata de regreso ao remato do curso pasado. O Cisne foi penúltimo e o Villa de Aranda, último.

O Villa de Aranda, con máis recursos económicos, máis seareiros, máis tradición e máis ambición deportiva, leva cinco temporadas no ronsel do Cisne, situación que os pontevedreses pretender prolongar unha temporada máis, empezando polo encontro desta tarde.

O dato: Jabato conta con tódolos seus homes 
O Cisne Los Sauces chega ao partido desta tarde con tódolos elementos a disposición de Jabato. Entre os xogadores cos que conta o técnico está xa o ucraíno Lysak, que aínda non tivo a oportunidade de gozar de minutos coa elástica do bloque da cidade do Lérez.

O conxunto pontevedrés conta con catro puntos, resultantes dos triunfos obtidos nos dous derbis (contra Novás do Rosal e contra o Teucro). Eses catro puntos e os triunfos amplos fronte aos dous rivais permítenlles ser líderes.

En fronte terá a un Villa de Aranda cun gran potencial, que tivo un calendario esixente no principio do curso. Os arandinos perderon no primeiro enfrontamento da temporada, contra outro dos moitos aspirantes ao ascenso, o Guadalajara (24-22), pero estrearon a súa caixa de puntos batendo ao Zamora á riveira do Douro (28-27).

Con dous puntos, ocupa a sétima praza, mergullado, polo momento, na zona de grupo pola permanencia. Moi cedo para tirar conclusións.

Comentarios