viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

Os xogadores do Cisne Dicsa Modular regresan á clase

Jorge Villamarín, coa mochila ao lombo, preparado para regresar ás aulas de Asobal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Jorge Villamarín, coa mochila ao lombo, preparado para regresar ás aulas de Asobal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Villamarín analiza o retorno do equipo tras superar o seu segundo confinamento

Os estudantes universitarios volven ás aulas e os do Cisne Dicsa Modular ás pistas. O equipo pontevedrés regresa á competición esta fin de semana despois do seu segundo confinamento desta temporada, a causa do gromo de Covid-19 que afectou ao plantel a comezos de febreiro.

Entre os pupilos de Jabato, hai un que caeu na marmita onde se cociña a pócima da eterna xuventude. Jorge Villamarín. Con 38 anos ás costas, o coruñés afronta o retorno coa motivación de volver sentir a máxima competición dentro da cancha do balonmán.

"Temos que gozar da categoría e pensar que estamos a xogar en canchas nas que nunca imaxinaríamos. Hai que saborear cada momento e converter iso nun elemento ao noso favor", explica o porteiro do conxunto pontevedrés, que segue a transmitir a mesma ilusión que un xuvenil, aínda que con algún aniño máis.

Para Villamarín na segunda volta "non hai que ter présa nin presión e entender que vai haber momentos nos que os rivais dean puntuado e se afasten na clasificación. Debemos ter calma, sobre todo gozar de cada partido e non pensar de máis no descenso", analiza o veterán do colectivo branco, que en base á súa experiencia cre que esa pode ser unha das chaves para que o colectivo siga vivo na batalla pola permanencia.

"O noso punto a favor é que outros equipos con máis tempo en Asobal teñen un nivel de presión máis elevado. Nós somos un conxunto que ascendemos logrando un fito histórico a nivel de club co que ninguén contaba. Temos que intentar velo desde ese prisma. E o que teña que ser, será. Se podemos loitar pola permanencia, intentalo con toda a nosa forza, loxicamente", expresa o muro da portería cisneísta.

"DE ONDE VIMOS". Villamarín é un estudante aplicado. Coñece Asobal e tamén as outras categorías do balonmán. Os seus anos danlle para entender cal é o prezo da lubina no mercado de abastos e o da División de Honra no mercado do balonmán. Por iso lles pide aos seus compañeiros que viaxen na máquina do tempo e saiban aprezar cada intre na elite.

"Non hai que perder a perspectiva de onde vimos, quen fomos e o que fixemos. O 90 por cento do equipo que ascendeu está formado no propio Cisne e mesmo na propia cidade de Pontevedra". 

Por iso, el mesmo vía como un imposible o éxito conseguido. "Hai un ano falaba dunha utopía, porque o vía realmente complicado. Pero fomos disfrutando duns resultados favorables e dun ambiente fantástico". 

O recente confinamento, despois da primeira xornada da segunda volta, non foi un agasallo. «É un fastidio, porque é o segundo e despois do partido contra o Cuenca, que non foi bo, queríamos quitar o mal sabor de boca».

Pero Villamarín quere ser positivo antes do partido vital deste sábado (18.30) en Valencia contra o Puerto Sagunto. "Hai que tratar de que a falta de ritmo de competición que poidamos ter non se note na pista e que poidamos roubar algún punto". 

E para logralo, todo pasa pola suma de esforzos, por "ir ao 110 por cento cada un, por ser quen de atacar ben a súa defensa e ter moita tranquilidade e paciencia". 

Con mil batallas na mochila, ademais de alumno, Villamarín está preparado para ser mestre dos máis novos da clase.

Os xogadores do Cisne Dicsa Modular regresan á clase
Comentarios
ç