O Cisne intenta facerse forte a domicilio na súa visita ao Bada Huesca

O equipo pontevedrés quere enlazar a súa segunda vitoria consecutiva ante un rival en dinámica positiva 
Cavalcanti lanzando a porta no partido contra o Ademar León. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cavalcanti lanzando a porta no partido contra o Ademar León. GONZALO GARCÍA

O primeiro paso era volver gañar. E o Cisne fíxoo. O segundo paso, deixar a última praza. Obxectivo conseguido. Agora o equipo pontevedrés afronta o terceiro reto: encadear dous triunfos consecutivos. Non son metas caprichosas, aleatorias nin ailladas, senón medios para alcanzar un fin, o da permanencia.

O equipo pontevedrés viaxa a Huesca para xogar este venres ás 21.30 horas, coa intención de sumar dous puntos que lle sirvan para meterse de cheo na batalla pola permanencia. O conxunto de Javier Márquez non ten tempo que perder na súa aspiración de gañar terreo e esperanza. 

Os triunfos conseguidos nos dous últimos enfrontamentos no Pavillón Municipal supuxeron importantes avances nos dous sentidos, pero os lugares que dan dereito a evitar o descenso directo, tanto a permanencia firme como o play-off, aínda se atopan a unha distancia prudencial que implica un notable esforzo.

A escadra de Javier Márquez atópase a catro puntos do terceiro e cuarto clasificados por abaixo, o Frigoríficos do Morrazo Cangas e o Atlético Valladolid. Cun punto máis ca eles, a cinco dos lerezanos, está o Sinfín (maldito partido aquel que perdeu o Cisne en Cantabria na última xogada) e despois atópase xa o rival de hoxe, o Huesca.

Javier Márquez recupera a Dani López, pero non conta aínda cos mancados Conde e Calvo

A escadra oscense vive unha época feliz e doce canto a xogo e resultados. Dos últimos dez puntos en disputa sumou sete. Só perdeu contra o Barça, contra quen cedeu unicamente por tres goles de diferenza, e venceu en Valladolid e Guadalajara, neses partidos que é requerido gañar para conservar a praza nunha categoría, e fronte o Logroño na casa. Na última fin de semana, os aragoneses empataron en Navarra fronte o Anaitasuna, escadra que vive unha etapa de altos e baixos. A dinámica na que se atopa é dificilmente mellorable, polo que o nivel de esixencia do colectivo preparado por Javier Márquez será moi elevado.

Non é novidade para o Club Cisne, que parece outro desde que Calin Dedu e Serrano chegaron e foron afianzándose e Gabriel Cavalcanti deixou atrás os problemas físicos.

O bloque pontevedrés vai medrando día a día, malia os seus inesgotables problemas de baixas. A dupla do centro da defensa que conduciu o colectivo ao ascenso segue no dique seco. Iván Calvo leva unha volta enteira fóra de combate, mentres que Alejandro Conde está no treito final da súa recuperación, pero aínda non se vestirá de curto no partido de hoxe á noite.

Si o fará o extremo Dani López Mora, restablecido e que retorna tras varios partidos ausente.

O Huesca sumou sete dos últimos dez puntos en disputa

A marxe de erro redúcese á mesma velocidade que crece a confianza do bloque de Márquez, que fixo unha brillante primeira metade a fin de semana pasada para bater o Cuenca, pero sufriu e enfrontouse aos seus propios temores na segunda parte, na que mesmo viu ameazado o triunfo, vítima non só del mesmo, senón tamén do tamaño do rival. 

A supervivencia deulle folgos para o seguinte desafío: gañar lonxe do Municipal. Desde que o fixeron en Cuenca na primeira volta, os lerezanos non tiveron a oportunidade de vencer como visitantes. E dada a súa clasificación e a dinámica da competición, os lerezanos saben que non é mal momento para rachar con esa dinámica. 

Na primeira volta, o Huesca gañou no Municipal por 27-32. 

Comentarios