O Cisne intenta despedir o ano cunha vitoria balsámica ante o Logroño

O equipo pontevedrés chega ao último duelo antes do parón de dous meses de Asobal tras poñer fin á súa xeira de oito partidos sen gañar contra o Guadalajara ► O pontevedrés Álvaro Preciado regresa ao Pavillón Municipal para medirse ao seu ex-equipo 

Conde tratando de atrapar un balón en el duelo de la primera vuelta ante el Torrelavega. GONZALO GARCÍA
photo_camera (_G4A9864.JPG) HQR BALONMANO ASOBAL Cisne Torrelavega Pabellon Municipal de los Deportes10246

As sensacións xa son outras. O Club Cisne puxo fin á súa vía de auga no último desprazamento de Asobal, no partido contra o pechacancelas, o Guadalajara, e afronta a despedida do ano e da competición antes do parón da liga con renovadas esperanzas.

O 24-24 fronte ao Guadalajara deixou un sabor amargo porque o conxunto de Márquez tivo o adversario contra as cordas e desaproveitou a ocasión de sumar dous valiosos puntos na batalla pola permanencia. Pero na análise do partido ofreceu esa sensación de paciente rehabilitado para afrontar a súa vida cotiá. 

Os brancos baixaron dos 30 goles en contra por primeira vez en moitas semanas e deixaron atrás a xeira de oito enfrontamentos oficiais perdidos de maneira consecutiva. Volve ser un rival incómodo e competitivo e mellora nas dúas áreas ao ritmo ao que Márquez recupera pezas para os seus esquemas. A reaparición de Arboleya e Bruno Vázquez xa contra o Barcelona ten continuidade na recuperación de Conde e Cavalcanti para o centro da defensa.

Con todo o mal que se lle puxeron as cousas nos últimos meses aos lerezanos, sobreviviron. Feridos, pero non mortos. Ocupan a décimo cuarta praza, a da promoción pola permanencia, e están a piques de mergullarse en case dous meses de paréntese para rearmarse, recuperar feridos e resetear corpos e mentes. 

Márquez poderá contar con tódolos seus efectivos excepto Iván Calvo

Antes diso, chega ao Municipal o Logroño (sábado, 16.00 horas), un adversario tan irregular como perigoso. Os rioxanos levan unha primeira volta de altos e baixos. Despois dun inicio con algunha derrota inesperada (e tamén vitoria, contra o Ademar a domicilio), encadearon varios triunfos consecutivos, entre eles algún dun notable mérito, como o que lle infrinxiron ao Bidasoa. Foron quen de estar en partido contra o Barcelona en algunhas fases, pero chegan a Pontevedra despois de perderen na casa fronte ao Anaitasuna.

Entre os seus emerxe a figura do pontevedrés Álvaro Preciado, que por primeira vez na vida vai desexar que o Cisne perda un partido. O Municipal daralle un caloroso recibimento, malia a ingrata hora na que se celebra o enfrontamento. A televisión manda nun enfrontamento no que o Cisne intentará despedir a primeira volta e o ano fóra do terreo de descenso, unha magnífica consecución tendo en conta o conxunto de peripecias que debeu padecer a escadra de Márquez na primeira metade do curso.

Comentarios