O Cisne Los Sauces evita o abuso de confianza contra o pechacancelas Zamora

O equipo pontevedrés procura unha vitoria que o manteña na pelexa polas prazas de fase de ascenso a Asobal
André de Moura co balón nun partido do Cisne Los Sauces. RAFA FARIÑA
photo_camera André de Moura co balón nun partido do Cisne Los Sauces. RAFA FARIÑA

Coa desgraza a costas, o Cisne Los Sauces recibe o Zamora este sábado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (18:30). O conxunto adestrado por Jabato chega á cita asolado por unha cadea de problemas físicos que está a lastrar o seu rendemento e a limitar as súas posibilidades de pelexar por unha praza que dá dereito a disputar a fase final polo ascenso a Asobal.

A última lesión foi a do brasileiro Roney Franzini. O gardarredes sufriu unha rotura no tendón de Aquiles que o manterá lonxe das canchas polo que resta da temporada. Unha pésima nova que se une ás múltiples doenzas que acucian ao colectivo, comezando pola de xeonllo de Carlos Ocaña, tamén privado de balonmán por longo tempo.

O plaga que asola a escadra pontevedresa é recorrente nas últimas temporadas e mantén fóra de combate a Pombo, Javiva, Etayo, Furtado e Abián Rodríguez, aínda que algún dos últimos podería reaparecer perante o Zamora. As circunstancias conduciron o bloque pontevedrés ao mercado para reforzar a portería co húngaro Gabor Decsi. Está previsto que debute este sábado perante o Zamora.

Tantos problemas físicos están a estragar o traballo desenvolvido polo club na súa batalla por competir cos mellores e, nos últimos días, a desviar o foco sobre a competición. 

O equipo pontevedrés chega ao partido acuciado por unha gran cantidade de baixas

E é que, malia a súa posición na clasificación, o visitante deste sábado non é ningunha María. O Zamora, pechacancelas, xa demostrou na primeira volta das súas capacidades desfacéndose da escadra de Jabato. Daquela superara o bloque pontevedrés, poñendo de manifesto a esixencia competitiva da División de Honor Prata e a consecuente necesidade de ofrecer unha versión correcta de cada un para ter opcións reais de triunfo cada fin de semana.

O cadro branco comparece no encontro na novena posición, con 21 puntos. Pero atópase a un só dos lugares que conceden dereito a estar na final four pola segunda praza de ascenso. Ademais, os lerezanos contan cun duelo menos, o que teñen pendente perante o Unión Financiera Oviedo. É dicir de saldar de forma favorable eses compromisos, estaría dentro do grupo dos mellores. Iso si, é tal a igualdade, que o colectivo non pode descoidar, aínda, as súas obrigas na pelexa pola permanencia, tendo en conta os últimos resultados positivos dos conxuntos que marcan o descenso e a promoción, o Ibiza e o Novás.

O cadro lerezano reaccionou a tempo a unha xeira preocupante de resultados negativos, moitos deles contra escadras da zona alta da clasificación, que lle fixo perder terreo e mesmo espertar algunhas alamas pola proximidade dos cadros da zona baixa. O triunfo contra o Caserío Ciudad Real e o empate con remonta diante dos Agustinos pechou a ferida e devolveulle ao conxunto lerezano certa tranquilidade.

Está previsto o debut dunha das dúas últimas fichaxes do equipo pontevedrés, o porteiro húngaro Gabor Decsi 

Pola súa banda, o rival deste sábado, o Zamora está virtualmente desafiuzado, pero aínda conta coas matemáticas do seu lado. A once puntos da zona de salvación, con nove xornadas por xogar, os casteláns teñen a intención de sumar dous puntos en Pontevedra. Xa saben o que é derrotar o Cisne: fixérono na primeira volta. E aínda que é a única vitoria en liga que o bloque obtivo neste curso, no que vai de 2024 amosouse como un conxunto competitivo, que empatou contra Los Dólmenes Antequera e o Novás e que vendeu cara a súa derrota contra o Burgos, o Barça B e o Guadalajara. 

Ese é un dato que o Cisne Los Sauces ten ben presente antes dunha cita esencial para definir o seu itinerario do último tercio do curso: ou ben cara a pelexa pola permanencia ou para a loita polo salto de categoría. 

Comentarios