O Cisne sométese a exame contra un dos favoritos ao ascenso

O equipo pontevedrés intentará conseguir o terceiro triunfo en tres xornadas no comezo da temporada de División de Honor Plata contra un Burgos que se atopa en fase de acoplamento, pero que aspira aos máximos obxectivos
Varios jugadores del Cisne saludan a sus aficionados tras el duelo ante el Atlético Valladolid. DAVID FREIRE
photo_camera Álex Chan regresará ao Municipal para medirse ao seu ex equipo. DAVID FREIRE

Cada fin de semana é un reto diferente para o Club Cisne. O equipo pontevedrés intentará subir o penúltimo chanzo da esixencia esta fin de semana contra un dos bloques máis poderosos da División de Honor Prata, o San Pablo Burgos. A escadra lerezana principiou o curso con determinación e con triunfos. Dúas vitorias en dous duelos contra rivais duros e con marcadores axustados que poñen de manifesto algunhas circunstancias: o bo estado de forma do colectivo, a súa capacidade para xestionar o marcador en encontros equilibrados e, implicitamente, o elevado nivel da competición. 

E o Burgos é a demostración palpable dese último factor. Despois de dúas xornadas contra adversarios incómodos, o  cadro castelán eleva o nivel de complicación do obxectivo. A presenza do internacional estadounidense Álex Chan nas súas ringleiras pon de manifesto o potencial duns e outros. O xogador pontevedrés, formado no Cisne, no que viviu unha dilatada traxectoria que rematou a pasada campaña, foi á procura de novos horizontes e atopounos nun proxecto sólido e ambicioso, sustentado por un poderoso músculo financieiro. Aspectos contra os que o Cisne non pode pelexar.

Chan non é o único elemento de categoría que milita no rival castelán, nin o único veño coñecido da afección lerezana. Xa moito máis asentado no balonmán europeo, retorna ao pavillón o brasileiro Guilherme Linhares de Souza, que militou no Cisne na campaña 2017-18, cando aínda era un rapaz. E, por suposto, o arqueiro Jorge García Lloria, ex compoñente da SD Teucro durante moitos anos, dous elementos de garantías para a faceta de contención.

Regresan ao Municipal os excisneístas Chan e Linhares e o exteucrista Lloria

Pero, como tódolos proxectos renovados, e o San Pablo Burgos é un proxecto con moitos rostros novos, os inicios poden ser complexos. Neses estará o Cisne para intentar aproveitar as vantaxes da cohesión que ofrece o tempo. 

Porque Jabato traballa cun bloque máis estable e homoxéneo, con menos modificacións (que algunhas tamén as hai) que o seu contrincante, e un estilo moito máis definido e estable ao longo dos anos, malia o troco do técnico do curso pasado ao anterior. 

Iso si, non todo serán vantaxes. Un contratempo significativo é o do primeira liña Daniel Serrano, mancado nun nocello. Os demais xogadores están dispoñibles para o técnico.

O Cisne intentará ampliar a tres o seu pleno de triunfos contra un dos mellores planteis da competición. Ata agora caeron o Unión Financeira de Oviedo e o Novas no Rosal. Para o cadro de Roi Sánchez sería o segundo triunfo e o primeiro a domicilio, despois de caer no comezo ligueiro perante o Alarcos Ciudad Real e gañarlle na casa ao Barcelona B pola mínima. Sexa como sexa, e aínda que é balonmán, non se agarda outra cousa que non sexa un partido igualado.   

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios