Un clásico galego en perigo

O Racing e o Pontevedra afrontan un dos encontros de rivalidade máis habituais do fútbol da Segunda B co risco de descenso dos dous

Partido entre o Racing de Ferrol e o Pontevedra. ARQUIVO
photo_camera Partido entre o Racing de Ferrol e o Pontevedra. ARQUIVO

O Pontevedra e o Racing de Ferrol disputarán este domingo un duelo de urxencias na Segunda División B. Os dous equipos nunca se mediran nunha situación tan complicada estando na categoría de bronce ao longo da súa historia. No peor dos casos, sempre había un dos dous que se atopaba desafogado ou cómodo na táboa. Seguramente, a ocasión máis aproximada á actual aconteceu na campaña 1979-80, na que os granates acabaron décimo terceiros e os verdes e brancos, décimo sextos.

Actualmente o Pontevedra atópase con tres puntos de vantaxe sobre a praza de promoción pola permanencia que ocupa o Toledo, aínda que os manchegos teñen un partido menos. Pola súa parte, o conxunto da Malata está en zona de descenso, antepenúltimo con 21 puntos, a cinco do seu próximo anfitrión.

O Pontevedra parece ter invertido nos dous últimos anos a tendencia nos duelos directos cos ferroláns, xa que en temporadas anteriores o once departamental lle gañaba con claridade os enfrontamentos directos, mesmo en Pasarón. Na primeira volta, o cadro daquela preparado por Luisito vencía por 1-2 na Malata, poñendo fin a unha xeira de oito anos sen vencer no campo ferrolán.

O Pontevedra e o Racing medíronse en 39 ocasións na categoría de bronce, cun balance de 18 triunfos pontevedreses, sete empates e 14 triunfos do Racing. En Terceira División, o Racing venceu cinco duelos por tres dos granates e houbo catro igualadas, mentres que na Segunda División o cadro ferrolán se impuxo en tres envites, por dous do PCF e unha igualada.

En resumo, o PCF acumula 23 vitorias na liña de enfrontamentos, por 22 do seu rival de mañá, o que pon de manifesto a igualdade dos dous ao longo de 75 anos de duelos directos que comezaron na temporada 1943-44, dous anos despois da fundación do conxunto granate. O debut non resultou co marcador que desexarían os granates, que caerían por 4-0. A revancha chegaría na segunda volta daquel exercicio, cun triunfo 1-0 dos da cidade do Lérez.

Curiosamente, a pesar da proximidade xeográfica dos dous equipos, tardarían máis de 25 anos en volver a cruzar os seus camiños, debido aos constantes trocos de categoría que viviron os clubs.

A partir dos anos 70, os seus camiños foron en paralelo. De feito, ámbolos dous bloques viviron a meirande parte das súas vidas recentes en Segunda B, pero case cada vez que un dos dous cambiaba de categoría, o outro o acompañaba: ascensos e descensos do Racing sempre encontraron resposta no Pontevedra. Na Segunda B as goleadas entrámbolos dous son máis ben escasas. Dous 3-0, un a favor dos granates na 97-98 e outro a prol do Racing, na 2015-16, os dous en Pasarón, foron os resultados máis amplos na actual categoría. En Terceira División, en cambio, o PCF caeu estrepitosamente na Malata nas últimas visitas que fixo a aquel campo nesa categoría (5-0).

Foron as excepcións ao equilibrio histórico entre dous equipos con historias semellantes e que actualmente viven unha inesperada situación na Segunda B.

Comentarios