O clero goleou con graza divina, pero perdeu

O partido entre curas e gardas civís organizado en Cuntis acabou cun 4-6 para os 'verdes' e con máis de 2.000 euros de recadación

Partido entre curas e gardas civís en Cuntis. DP
photo_camera Partido entre curas e gardas civís en Cuntis. DP

DE SEGURO que Xan Fontenla, máis coñecido como Choco no seu concello e presidente do Atlético de Cuntis, foi unha das persoas que peor o pasou na tarde do domingo, seguindo as evoluciós do xa famoso partido de curas contra gardas civís que se disputou no campo da Ran desde as 17.30 horas.

Choco que é moi coñecido e respectado en Cuntis foi escollido para arbitrar este encontro no que os veciños e os propios siareiros gozaron do fútbol co corazón partido, sen saber se animar aos clérigos, que formaron un equipo ata coa fichaxe dalgún sacristán para batir aos membros da Benemérita, ou se apoiar aos axentes policiais, que, para o caso, teñen a autoridade e exércena no día a día neste municipio.

O propio árbitro tratou de ser o máis imparcial posible, segundo relataron os cronistas alí presentes, aínda que, ao final do encontro, vendo o gran desgaste físico dos relixiosos abreu un pouco a man e mesmo sinalou un penalti co que se puido igualar o marcador, liderado desde o principio polos da Benemérita.

Ao igual que Choco, tamén o público acabou inclinándose polos representantes de Deus na terra, que, se ben golearon insospeitadamente ata catro veces aos seus rivais, non atoparon folgos para responder cunha defensa ordeada aos ataques dos representantes da lei e a orde e acabaron sucumbindo por seis tantos.

A cuestión, como adiviñarán, non era gañar, senón participar, e o certo é que tanto uns coma outros cumpriron de sobra co seu cometido, loitando no campo con todas as enerxías que os seus condicionantes físicos ou laborais lles permitiron achegar. O partido conseguiu o obxectivo de recadar máis de 2.000 euros en concepto de venda de entradas (o graderío parecía unha caixa de mistos e xa quixera o Atlético de Cuntis para sí esa afluencia) e tamén o de manter acesa a chama da solidariedade neste municipio.

Este encontro é xa case unha tradición, posto que se celebrou este ano por segunda vez, pero tanto polo apoio recibido por parte do Concello como pola aceptación social, parece claro que os promotores quererán repetilo en todas as ocasión nas que se poida.

Os principais artífices desta cita non son outros que o párroco de Cuntis, Juan Carlos Martínez Mariño, e o comandante do posto da Benemérita do municipio, Alberto Padín Fernández.

No caso do primeiro o mérito para compor o equipo pode dicirse que foi maior, posto que nas filas dos relixiosos non é fácil atopar a voluntarios en idade de disputar encontros futbolísticos, sexan estes benéficos ou non. Así, aínda que Mariño contou con un párroco de Vilagarcía, un de Troáns e outro da Estrada, tivo que botar man de fichaxes como algún sancristán e dous ou tres seminaristas.

Tampouco os axentes contaban con demasiados efectivos para essta cita. De feito, ademais de oficiais de outros postos de toda a provincia, houbo que sumar ao equipo (que, por certo, xogou de verde) ós dous membros da Policía Local cuntiense.

Comentarios