Os clubs de auga de Pontevedra únense para pedir unha solución para a piscina

Solicítanlle ao Concello que dea o último paso para chegar a un acordo coa Fundación, cando restan tres días para que expire o prazo concedido pola entidade para manter aberta a instalación
Nadadoras do Sincro Pontevedra na piscina de 25 metros de Rías do Sur. RAFA FARIÑA
photo_camera Nadadoras do Sincro Pontevedra na piscina de 25 metros de Rías do Sur. RAFA FARIÑA

Os clubs de auga de Pontevedra invitaron ao Concello a dar o último paso para pechar as negociacións coa Fundación Rías do Sur e ofrecerlles unha saída para poder facer o uso do Complexo Deportivo Rías do Sur.

Os presidentes do Club Natación Galaico, Galaico Sincro, Club Waterpolo Pontevedra, Club Natación Sincronizada Pontevedra e Sapo fixeron por primeira vez unha fronte común para abordar o conflicto e a problemática derivada do peche da piscina olímpica de Rías do Sur, así como da ameaza inminente de clausura da piscina de 25 metros, actualmente empregada polo Galaico e o Galaico Sincro.

Despois da reunión, as entidades deportivas sinalaron a "boa sintonía" existente entre elas nun asunto que consideran esencial para o desenvolvemento da súa actividade deportiva, tanto no aspecto formativo dos máis pequenos, como tamén para o aspecto competitivo dos deportistas de maior nivel. 

O grupo está integrado polo CN Galaico, o Galaico Sincro, CNS Pontevedra, o Waterpolo Pontevedra e o Sapo

"Necesitamos a lámina de auga", manifesta o colectivo dos clubs, que por primeira vez contou coa inclusión de entidades que ata agora non puideran facer uso da instalación, como o SAPO ou o Natación Sincronizada Pontevedra, e tamén o Club Waterpolo Pontevedra, que debeu buscar novamente asilo fóra de Rías do Sur, na Escuela Naval Militar de Marín e no CGTD, para poder seguir adiante coa súa actividade, tras saír de Ponte Muíños debido ao peche producido hai xa máis dun ano. 

"Queremos mandar unha mensaxe ao Concello" coa súa actitude e coa celebración dunha primeira xuntanza. As entidades fixeron fincapé da relevancia de dispoñer dunha instalación punteira en Galicia para poder levar a cabo os adestramentos coa maior calidade posible e ao mesmo tempo "ser competitivos". 

"A piscina olímpica é a solución efectiva para tódolos equipos de natación da cidade", explica a comunicación realizada polo colectivo, lembrando que teñen sobre a mesa a data de peche, que a Fundación Rías do Sur lles lembrou: o 31 de marzo. 

"O deporte federado non aguanta máis. Hai solución"

"O deporte federado non aguanta máis. Hai solución", conclúen desde a agrupación de clubs. Segundo a súa perspectiva, aquela está na man do goberno municipal pontevedrés.

Nese senso, en pasadas semanas o Concello realizou un borrador dun novo convenio coa Fundación Rías do Sur, pero aínda que o acordo non parecía lonxe, as negociacións aínda non atoparon un punto común que permita manter o complexo aberto e, menos aínda, que facilite o enchido do vaso de 50 metros, o que sería chave para que tódolos clubs de Pontevedra puidesen acceder á instalación a realizar os seus adestramentos.

O convenio ofrecido polo Concello á Fundación partía da base de realizar a achega económica de forma directa á Fundación Rías do Sur para poder sufragar os gastos do uso corrente da instalación desde o mes de decembro pasado ata o de marzo. Pero ademais exploraba dous horizontes novos: por un lado, garantir a apertura ata xuño ou mesmo ata o remate do ano; e por outro, valorábase a variable de facer permanecer a situación como ata o momento, só coa piscina de 25 metros activa, ou a de incrementar a aposta e devolver a actividade á piscina olímpica.

Comentarios