O CN Galaico recupera a Honra perdida

O equipo pontevedrés ascende á División de Honra da liga galega despois de obter a segunda praza na xornada final disputada en Ponteareas, por detrás do conxunto anfitrión e con dous puntos de marxe sobre o AD Fogar de Carballo
O plantel do CN Galaico da liga 2023-24. GONZALO GARCÍA
photo_camera O plantel do CN Galaico da liga 2023-24. GONZALO GARCÍA

O Club Natación Galaico conseguíu o ascenso a División de Honra da natación galega. O club pontevedrés rematou na segunda posición a xornada definitiva da Primeira División que se celebrou na piscina Álvaro Pino de Ponteareas.

O conxunto vermello conseguíu a praza de privilexio malia as baixas que afectaron ao colectivo. Finalizou a xornada con 334 puntos, dous máis que os que acumulou o Agrupación Deportiva Fogar de Carballo.

O CN Ponteareas impúxose con autoridade na casa e ocupou o outro lugar que conduce á maxima categoría do ámbito galego. Os ponteareáns sumaron 387 puntos nunha campaña na que foron os grandes dominadores da Primeira División.

O bloque lerezano competirá no próximo curso contra o Portamiñá, que se proclamou campión de liga de División de Honra, o CN Arteixo, o CN Ferrol e o CN Fluvial de Lugo.

O ascenso é o primeiro paso da entidade no seu obxectivo de afianzarse como referencia galega e de ter unha maior presenza no ámbito nacional

A proba de Ponteareas estivo marcada ademais por certa tensión, xa que os xuíces, nun primeiro momento, realizaron un cómputo erróneo dos puntos acumulados debido a unha confusión cun resultado do Fogar. Despois da pertinente reclamación do conxunto pontevedrés, o erro foi subsanado e os resultados oficiais concedéronlle o apertado ascenso ao Galaico.

O salto de categoría é o primeiro paso da entidade na súa pelexa por recuperar o espazo na natación galega e nacional. A presenza dentro da División de Honra era un obxectivo parcial para a entidade dentro dunha meta global na que pretende restablecer o estatus que tivo ata hai uns anos e que se viu seriamente afectado pola pandemia e especialmente polos problemas de peche e apertura limitada do Complexo Deportivo Rías do Sur.

O club está a formar, sobre todo, unha estrutura cunha base sólida da que quere ir tirando promesas que constrúan o seu futuro. A infantil Sofía Barros é a abandeirada desas novas xeracións, nas que tamén se atopan Iker Pérez, Olivier Rocha, Gisele Rocha e Mara Vidal en categorías infantil e júnior. Bárbara Quintana, Alicia Bayón, Sara Raposeiras, Marlene Rocha ou Enrique Pereira son algúns dos valores da categoría alevín da entidade.

Na categoría absoluta, conta con deportistas afianzados como Antía García, Daniel Sánchez, Paula Goyanes ou Xabier Aguilar.

Comentarios