O CN Galaico soña cun Europeo de augas abertas no Lérez

O club pontevedrés confirma a súa aposta polas modalidade e concreta a segunda edición da Travesía do Lérez para o 27 de xullo
Un momento da primeira travesía do Lérez. RAFA FARIÑA
photo_camera Un momento da primeira travesía do Lérez. RAFA FARIÑA

O CN Galaico aspira a ser sede do Campionato de Europa de natación en augas abertas no río Lérez. O club pontevedrés proponse a organización dun grande evento desta modalidade, como continuación á súa grande aposta por unha disciplina olímpica, que comezou a poñer en valor nos últimos tempos, desde que se produciu a rotación na presidencia.

A entidade vermella non concretou o proxecto nin materializou a candidatura, que pasaría necesariamente pola colaboración co Concello de Pontevedra.

A idea está en fase embrionaria e confirma a intención do Galaico de dar forza a unha disciplina coa que comezou a traballar poñendo en marcha o pasado mes de setembro a primeira edición da Travesía do Lérez.

A política do Goberno local de aposta por grandes eventos deportivos encaixa coas intencións do club pontevedrés. O club non se marca prazos para definir o proxecto e trasladarllo ao propio Concello, xa que se atopa mergullado na procura de solucións técnicas trala saída do seu director deportivo, Diego Pérez.

A institución fixo axustes no seu staff e na súa xunta directiva e traballa xa na organización de cara a temporada que vén.

De momento, o que si concretou o club foi a data para a segunda edición da Travesía do Lérez, que será o sábado 27 de xullo. A intención do Galaico ao respecto da data da terceira edición da proba é facela coincidir co Mundial Multideporte, para integrarse dentro do programa. Esa intención dependerá tamén do momento no que se dispute o campionato. A vontade é encaixar as citas sempre e cando o Mundial se leve a cabo a partir de maio, xa que as temperaturas da auga do río en meses anteriores son baixas.

Da mesma maneira, se Pontevedra consegue ser sede das Series Mundiais de Tríatlon en 2027 novamente, a entidade volverá intentar encaixar a travesía dentro do seu programa, como xa fixo en 2023. Daquela, a travesía fora antesala do campionato e contara con varios participantes de luxo como Blummenfelt e Jorgensen.

Comentarios