Cobres sabe a piragüismo

O Club Náutico de Cobres afiánzase na contorna do Morrazo grazas a unha política na que conviven o aspecto lúdico, o formativo e o competitivo
Foto de familia del CN de Cobres. DAVID FREIRE
photo_camera Foto de familia do CN de Cobres. DAVID FREIRE

O 27 de marzo de 1983 nacía o Club Náutico de Cobres. Son xa catro décadas alimentando a práctica deportiva desde tódalas súas vertentes na faixa morracense do Concello de Vilaboa.

A entidade conta na actualidade con 86 licenzas federativas, unha cifra notable, na que a maior parte dos padexeiros están integrados nas categorías base. Deles, aproximadamente o 40 por cento son rapazas e o 60 por cento, rapaces. Unha mostra do paseniño e continuo crecemento da práctica deportiva entre as mulleres na meirande parte das disciplinas.

A institución ten as portas abertas a tódolos deportistas que desexen probar, gozar e bañarse dos valores da actividade física organizada."Empezamos co afán de promover o deporte, pero vendo os resultados que acadamos, tamén buscamos algo máis: bos resultados", explica a presidenta da institución, Luisa García Fontán.

Algúns dos resultados máis salientables son o título nacional de Liga Infantil feminina en 2021, e os notables postos obtidos en cadetes e infantís no ámbito autonómico e nacional.

Recentemente, na Copa de España de maratón en Muíños, a entidade obtivo un segundo posto en cadete K-2 muller con Iris Corredoira e Alba Dios, que son o exemplo do bo rendemento xeral nas regatas nacionais que afronta a institución.

O club tamén participa e lidera a liga galega de kaiak de mar, desde cadetes ata veteráns.

E aínda que os triunfos son sempre relevantes e interesantes para o club, detrás do traballo do CN de Cobres hai moito máis.

Son esenciais "o compañerismo e os valores deportivos. Aínda que sexa un deporte individual, non deixamos de ser un equipo. Se gaña un, gañamos todos", aclara a máxima dirixente da entidade que tamén fai fincapé na importancia de asumir a derrota como parte do deporte. "Explicámoslles aos rapaces que para haber un primeiro, ten que haber un segundo, un terceiro e un último clasificado. Sobre todo, hai que gozar do deporte e da actividade. O posto tanto ten".

O club non pecha as súas portas a padexeiros de ningunha parte nin idade. Conta con piragüístas de todo o Concello de Vilaboa, pero tamén de Pontesampaio, de Vigo, de Moaña, de outros puntos de Pontevedra e mesmo de Ourense. E tamén ten veteráns. "Son xente de club, de sempre, que son un referente para os pequenos".

Detrás do bo funcionamento están os técnicos Federico Altieri, encargado das categorías máis miúdas, coas que leva xa hai varios anos, e Alfonso Rivas, que se ocupa dos grupos de idade de infantil a veterán. "Desvívense polo piragüísmo".

A ámbolos dous bótalles unha man Abel, padexeiro e iniciador que se formou no club.

A entidade non quere deixar de medrar. E para iso mantén o contacto cos colexios mediante visitas, realiza cursos de iniciación gratuítos e desenvolven unha escola de verán. Todo para consolidar as raíces do piragüísmo en Cobres.

Comentarios