Con ADN de Pasarón

O carácter de Víctor Vázquez no campo converteuno nun dos ídolos da bancada

Víctor Vázquez posando en Pasarón ao remate do adestramento deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Víctor Vázquez posando en Pasarón ao remate do adestramento deste xoves. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Víctor Vázquez é un deses futbolistas que encaixan á perfección coa idiosincrasia do Pontevedra Club de Fútbol. A súa personalidade, o seu carácter deportivo e a súa forma de xogar forxaron un amor a primeira vista coa bancada que hoxe parece indisoluble.

"Noto que a xente me apoia. Cada domingo, en Pasarón, está comigo. Estou moi agradecido de como me tratan, como me reciben. Estou ao lado da casa, identifícome co club e sinto que a xente se identifica comigo". E iso percíbese tamén nos momentos persoais máis duros, nos que o central recibiu o agarimo da parroquia granate.

"Cando faleceu miña avoa, hai un mes, foron momentos moi difíciles e moita xente de Pontevedra estivo aí, apoiándome", recalca o zagueiro de Marín.

O momento triste da temporada non empaña a súa capacidade diaria para amosar un sorriso e sacárllelo a tódolos que o rodean. Porque, ademais dun futbolista indispensable, Víctor Vázquez é tamén un bromista de primeira categoría, o típico futbolista que fabrica vínculos irrompibles a cada chiste que conta no vestiario ou no adestramento. "Iso vén de serie, de alí de Marín. Sempre estou a facer bromas. Lévome moi ben con tódolos compañeiros. É fundamental que haxa un bo ambiente dentro do vestiario para que despois se vexa reflectido no campo. Teño ese papel de facer un pouco o parvo, para que todo o mundo estea integrado", sinala, sabedor de que o humor non lle resta seriedade ao momento nin ao reto do seu equipo.

"O único obxectivo que temos agora é gañar na casa o domingo e darlle unha alegría á afección. Queremos vencer o partido e aproveitar os enfrontamentos directos dos rivais para seguir aí metidos".

Noto que a xente me apoia. Cada domingo, en Pasarón, está comigo. Estou moi agradecido de como me tratan, como me reciben

O Churre, como lle chaman desde hai moito tempo en referencia ao negocio familiar (unha churrería), non se permite o luxo de tirar a toalla. O play-off aínda é posible. "Quedan 27 puntos por disputar. Os números aínda o fan posible2. Pero, como bo obreiro do balompé que é, levanta os seus muros ladrillo a ladrillo. "Non debemos pensar a longo prazo, senón concentrarnos no Guijuelo. Se non gañamos, case non quedarían posibilidades. Pero se o facemos, os enfrontamentos directos poden darnos outra oportunidade de volvemos enganchar".

E agora é o momento para facelo, no Tour Galicia que afronta o plantel, que disputará os próximos cinco duelos na comunidade autonóma: tres en Pasarón, un en Abegondo e outro en Coruxo.

"Galicia está a dársenos ben. En Barreiro gañamos e en Bouzas, tamén", lembra o zagueiro morracense, que vive con humildade a gran temporada que está a desenvolver. "Intento traballar e axudar ao equipo no que faga falla. Non vou marcar un gol pola escadra, nin vou canear a tres xogadores seguidos, pero axudar ao compañeiro do lado e ao de diante intentereino facer sempre".

Ese é Víctor Vázquez: un punto de apoio sobre o que construír un proxecto, un traballador, un guerreiro, un futbolista que parece levar toda a vida xogando en Pasarón.

O rival: "Veñen coa frecha cara arriba"
O Guijuelo chega a Pasarón nunha dinámica moi positiva, como un dos mellores conxuntos da segunda volta do grupo I de Segunda B. "Son un rival moi vertical, que busca a portería contraria. O partido pode ser moi atractivo, porque veñen coa frecha para arriba. Estes partidos sempre os adoitamos facer ben. Na casa sempre competimos", asegura o defensa marinense, que vive unha magnífica campaña no persoal.

"Non sei se será unha das mellores. Houbo temporadas moi boas en Vigo e en Ferrol. Este ano o equipo está a funcionar e cando iso ocorre, cada xogador parece mellor".

 

Comentarios