O Concello fai bandeira do tríatlon como filón turístico

O World Multisport Pontevedra 2019 preséntase este xoves en Fitur

As probas deportivas son seguidas con gran paixón por miles de afeccionados nas rúas da cidade. DAVID FREIRE
photo_camera As probas deportivas son seguidas con gran paixón por miles de afeccionados nas rúas da cidade. DAVID FREIRE

O Concello avanza nos preparativos e na promoción do ITU Multisport Festival de Tríatlon 2019, que reunirá na capital do Lérez os campionatos do mundo de tríatlon cross, dúatlon, áquatlon, tríatlon de longa distancia e aquabike, e que porá o foco sobre a cidade.

Unha delegación pontevedresa, co alcalde á fronte, presentará o evento en Fitur (Feria Internacional de Turismo) o próximo xoves, ás 13.00 horas . "Imos estar presentes cunha proposta específica: posicionar a Pontevedra como destino de turismo deportivo", subliñou este luns Miguel Anxo Fernández Lores, que lembra que no ITU Multisport compite a elite, os júnior, as persoas con discapacidade e grupos de idade. "Son estes –destaca– os que suman máis participantes, son xente dunha idade con certo poder adquisitivo, que cando vai a un campionato non fai o desprazamento por un día ou dous, senón cinco, seis días, unha semana...".

O alcalde estará acompañado polos responsables español e galego de deportes, José Manuel Lete e Marta Míguez; a presidenta da ITU, Marisol Casado; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a responsable de turismo da Xunta, Nava Castro. Tamén está confirmada a asistencia de varios triatletas e dos representantes das federacións española e galega.

A presentación servirá para publicitar a páxina web do campionato e algún material promocional, e para dar a coñecer as datas concretas de celebración dos cinco mundiais.

A presenza de Pontevedra en Fitur vai máis alá do acto promocional, pois servirá, tamén, para que técnicos do Servizo de Deportes e de Comunicación manteñan reunións de traballo con responsables da ITU, da Federación Española de Triatlón e con distintas empresas patrocinadoras do evento.

Pontevedra é escenario habitual dalgunhas probas deportivas internacionais, especialmente en deportes como tríatlon, piragüismo, loita, taekwondo, natación…, ademais de campionatos de España, como o de tríatlon de longa distancia, que se celebrará o 25 de agosto e servirá para que os deportistas poidan probar o percorrido da proba mundial de 2019.

Comentarios