O Concello e a Fundación avanzan cara a renovación do convenio de Rías do Sur

As negociacións principiaron a semana pasada coa vontade por ámbalas dúas partes de ampliar o acordo para o usufructo da piscina olímpica por parte dos clubs deportivos de auga de Pontevedra durante o ano 2024
Prueba deportiva disputada en la piscina de Rías do Sur el pasado mes de julio. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Proba deportiva celebrada na piscina de Rías do Sur o pasado mes de xullo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

O Concello de Pontevedra e a Fundación Rías do Sur avanzan cara a renovación do convenio de uso da piscina olímpica do Complexo Deportivo situado en Ponte Muíños.

As conversas entrámbalas dúas institucións principiaron a semana pasada cunha clara vontade de dar continuidade ao acordo de 2023, que rexe o uso da lámina de auga do centro para os clubs deportivos de Pontevedra.

"Creo que sería o máis beneficioso para o deporte de auga", explicaba o presidente da Fundación, Héctor Vilariño, que confirmaba o avance das conversas, agardando que a próxima semana poidan producirse novos pasos para preparar un novo documento vinculante para 2024.

O asinado en 2023 permite que os clubs federados de auga de Pontevedra (CN Galaico, Galaico Sincro, CNS Pontevedra, CW Pontevedra e Sapo) poidan desenvolver os seus adestramentos e as competicións previstas no complexo. Como contraprestación polos gastos xerados, principalmente a nivel enerxético, a Fundación recibirá 200.000 euros.

Despois da sinatura en novembro do convenio de 2023, a Fundación puido solicitar un adianto das partidas financeiras establecidas, o que servíu para mitigar as estreituras económicas que comezaran a afectarlle, debido á asunción dos gastos xerados na instalación desde setembro de 2022.

O acordo de 2023 implicaba unha achega de 200.000 euros por parte do Concello para facer fronte aos gastos correntes derivados do uso do centro

A perspectiva para o novo exercicio é optimista para a garantía da vida cotiá das entidades e os deportistas que desenvolven a actividade ao seu acocho.

As negociacións están a contar coa presenza do propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o Servizo de Deportes.

A Fundación Rías do Sur segue a traballar na apertura da instalación para socios e usuarios particulares. Desde a dirección do centro agardan poder volver ofrecer ese servizo nas primeiras semanas de 2024, despois de que a anterior empresa concesionaria, Supera, e a inmensa maioría dos seus extraballadores acadasen un acordo extraxudicial para solucionar o conflito laboral que sostiñan.

Rías do Sur baralla dúas opcións: asumir a xestión de forma directa ou ceder os dereitos a unha nova empresa concesionaria.

Comentarios