O Concello negocia un convenio coa Fundación Rías do Sur

O Goberno local destinaría unha partida económica para facerse cargo dos gastos de uso do Complexo Deportivo
Rapaces do CN Galaico adestrando na piscina de 25 metros de Rías do Sur. DAVID FREIRE
photo_camera Rapaces do CN Galaico adestrando na piscina de 25 metros de Rías do Sur. DAVID FREIRE

O Concello fíxolle chegar á Fundación o borrador dun novo convenio de colaboración para facer viable o funcionamento do Complexo Deportivo Rías do Sur.

A intención do Goberno municipal é habilitar unha partida económica que lle faría chegar á Fundación coa fin de facerse cargo dos gastos correntes de uso do Complexo Deportivo Rías do Sur. Segundo diferentes fontes, o convenio atópase no treito final.

O que non seguirá adiante será a liña de subvencións para os clubs deportivos que fan emprego da instalación. Esa axuda estaba pensada para que puidesen ser eles os que lle aboasen á Fundación os gastos correntes. Estaban previstas para tres meses (de decembro a febreiro segundo a Fundación, de xaneiro a marzo segundo o Concello).

Desta maneira, o Concello optará por unha axuda directa á Fundación para o funcionamento da instalación, omitindo o paso intermedio de ofrecérllelo aos clubs. A consecuencia práctica será a mesma: que a instalación poida permanecer aberta e as entidades deportivas poidan seguir facendo uso da mesma para os seus adestramentos.

Resta por definir cal será o uso da instalación. O borrador do proxecto contemplaba varias posibilidades: por un trimestre máis ou ata o remate do ano.

Tamén se valoran varias opcións canto ao uso da infraestrutura, como a continuidade da situación actual, coa piscina de 25 metros ou a reapertura da piscina olímpica, que é a opción que máis interesa a tódalas partes, por canto permitiría a mellora das condicións de adestramento.

O desexo do Concello é o dereito de uso por parte dos dous clubs que están a facer uso actualmente da piscina de 25 metros de Rías do Sur, o CN Galaico e o Galaico Sincro, o retorno do Club Waterpolo Pontevedra e uso por parte dos demais conxuntos de auga da cidade.

Os técnicos do Concello presentaronlle o borrador á Fundación, que fixo algunhas enmendas. Ao respecto da posibilidade, o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño, prefire ser cauto mentres non se materialice o acordo co Goberno Municipal.

Polo de agora, a Fundación xa lle fixo chegar ao Concello os gastos dos meses de decembro, xaneiro e febreiro da instalación e un informe elaborado por un técnico ao respecto da estimación de custos enerxéticos e de emprego en próximos meses.

Abaratamento. O traballo desenvolvido pola Fundación para conseguir que o centro sexa máis eficiente repercutirá nun abaratamento drástico dos gastos. O emprego de placas fotovoltaicas para producir enerxía reducirá ata nun 35 por cento a factura eléctrica. Pero ademais, un convenio con Ence, polo que a empresa mellorará a eficacia enerxética do complexo, servirá para colaborar nesa baixada. Iso, sumado a outras accións podería provocar unha redución dun 50 por cento.

Partindo diso, Rías do Sur comeza os diálogos con empresas interesadas na explotación do complexo. Algunha delas xa puido visitar as instalacións.

Cabe lembrar que o acordo entre o Concello, a Fundación e os clubs para a apertura de Rías do Sur expirará o 31 de marzo, dentro de dez días.

Comentarios