miércoles. 18.09.2019 |
El tiempo
miércoles. 18.09.2019
El tiempo

O consello precisa reformas

Lupe Murillo xunto a Ricardo Tilve na xunta de accionistas de 2014, na que se compuxo o consello de administración actual. RAFA FARIÑA
Lupe Murillo xunto a Ricardo Tilve na xunta de accionistas de 2014, na que se compuxo o consello de administración actual. RAFA FARIÑA

O Pontevedra deberá convocar unha xunta de accionistas antes de que conclúa o ano para renovar o consello de administración, no que oito compoñentes rematan mandato

O consello de administración do Pontevedra Club de Fútbol sufrirá reformas antes de que conclúa 2019. O motivo é o remate do mandato de oito dos dez membros do actual grupo de xestión do club.

Os únicos que manterán a súa butaca no cargo son a presidenta, Lupe Murillo, e o secretario, Luis Durán, a non ser que renuncien ao seu cargo ou aconteza algún contratempo non desexable.

A dirixente comezou como membro do consello en 2015, polo que finaliza como presidenta do consello de administración en 2020, mentres que Luis Durán renovou a súa acta no 2018, polo que rematará o seu mandato dentro de catro anos, no 2023.

A renovación da acta de tódolos membros é altamente improbable, fundamentalmente por un motivo: os accionistas teñen dereito a unha porcentaxe de representación no órgano de goberno que debe ser proporcional á súa cuota de participación no accionariado. E o grupo de empresas que dirixen os irmáns Abal dispón de máis do 35 por cento dos títulos, o que traducido en conselleiros supón entre tres e catro representantes.

O tándem formado por Lupe Murillo e Ricardo Tilve ten o control sobre máis do 50 por cento das propiedades da entidade, polo que seguirán dispoñendo da capacidade de elección dun mínimo de cinco conselleiros. Haberá que determinar cales son, pero todo apunta á permanencia no cargo de Roberto Feáns, como responsable da parcela deportiva, e Enrique Mariño, encargado de realizar o traballo económico. O consello de administración aínda non se reuniu para tomar decisións a ese respecto.

Se finalmente os irmáns Abal optan pola ocupación das tres ou catro prazas que lle corresponden por proporcionalidade e o fan mediante a colocación de persoas da súa confianza, a posición de Ricardo Tilve, Juan Abal, José Pablo Galván, José Antonio Millán, Manuel Ruibal e Alberto Argibay quedará no aire. Só dous ou tres deles poderán repetir presenza no consello de administración.

VOZ E VOTO. De cara a futuras reunións oficiais do consello de administración, o hipotético troco daríalle voz e voto aos Abal nas decisións tomadas polo club. Ademáis, concederíalle máis facilidades para acceder á información.

Iso si, o control real das operacións seguirá baixo o poder de Lupe Murillo, non só nos encontros do consello, senón tamén nas xuntas de accionistas. Decidan o que decidan os empresarios de Meaño, a máxima mandataria da entidade de Pasarón segue a dispor da maioría absoluta dos apoios, grazas á súa propiedade ou á dos seus aliados dentro do grande ou mediano accionariado.

Na próxima xunta de accionistas do club granate coñecerase a nova realidade.

A historia. Unha xunta moi quente
O acceso ao consello de administración da meirande parte dos seus membros actuais produciuse en 2014. Aquel feito levouse a cabo nunha xunta de accionistas cun ambiente algo tenso e nun club que aínda estaba presidido por José Manuel Fernández.

O empresario afincado en Barcelona Ricardo Tilve postulouse para renovar a súa acta e propuxo a outros catro conselleiros máis que non ocuparan unha butaca: Manuel Ruibal, Enrique Mariño, José Pablo Galván e Roberto Feáns. Todos eles foron votados favorablemente para acceder ao grupo de goberno do club. A eles uniuse Juan Abal, que anteriormente fora directivo do club cando este estaba presidido por Nino Mirón. Marchara antes da transformación da entidade en SAD.

Tamén accederon ao consello de administración Alberto Argibay e José Antonio Millán (o segundo, renovando a súa acta).

A eles había que unir a figura de Luis Durán como secretario da entidade e ao presidente José Manuel Fernández.

O presidente deixaría o seu cargo en xullo daquel mesmo ano para deixar paso no poder a Lupe Murillo, que chegou á presidencia despois de que Conservas Pescamar mercase case tódalas accións no proceso de ampliación de capital en xullo daquel ano.

O consello precisa reformas
Comentarios