Continuar para permanecer

Brais Abelenda cre que o Pontevedra debe proporse "facer os puntiños necesarios para non sufrir" nunha liga que prevé moi dura
O media punta valdubrés cre que manter a base do plantel será unha vantaxe: "Temos esa baza que nos vai ir ben desde o principio"
O Brais Abelenda nun dos adestramentos deste verán co Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera O Brais Abelenda nun dos adestramentos deste verán co Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Brais Abelenda non se engana e non engana a ninguén. A súa faciana e as súas verbas son tan transparentes como as súas intencións cando se achega ao balcón da área. E por iso sabe que o Pontevedra 2022-23 vai atopar un camiño moito máis rugoso que o que percorreu en Segunda Federación en dirección ao ascenso.

"Esta Primeira Federación vai ser bastante dura. Se xa había diferenza coa Segunda o ano pasado, este ano vai ser maior, porque hai mellores equipos. Os rivais están a reforzarse cada vez máis e van ser moi esixentes", valoraba o futbolista ao remate do adestramento de onte no campo de Gatomorto de Xeve.

De aí que o xogador do Val do Dubra, valorando o potencial do colectivo ao que pertence, sexa moi prudente ao respecto do obxectivo do conxunto. "Penso que temos un bo plantel para competir tódolos partidos, aínda que non sei ata onde nos vai chegar: se imos ter que pelexar por salvarnos, que ao mellor é no que temos que pensar. A partir de aí, se chegamos máis alá e podemos pensar en cotas máis altas, xa veremos. O principal é facer os puntiños necesarios para non sufrir".

"Temos que sumar para evitar ir toda a temporada a remolque. E se podemos aspirar a máis cousas, benvido sexa"

A incógnita sobre a calidade concreta de cada un dos adversarios, pero a seguridade do seu potencial económico e da calidade dos seus xogadores alimentan a precaución. "Non sabemos como van ser os rivais, así que de momento temos que pensar en sumar para evitar ir toda a temporada co remolque. Intentar lograr iso e despois, se podemos aspirar a máis cousas, benvido sexa. Pero, de momento, temos que estar tranquiliños".

Así e todo, Brais non cre que o problema do club sexa non fichar. Ao contrario, cre que a súa fortaleza é a cohesión forxada durante o curso pasado. "Isto vivino co Compostela e iso non me preocupa. Daquela mantivemos o mesmo bloque salvo dúas ou tres persoas. Penso que conservar a base, que nos coñezamos ben e saber o que lle gusta a cada un nos pode dar un pouco máis de esforzo polos compañeiros, que nos levamos moi ben".

E esa vantaxe materializarase tamén no tempo de acoplamento. As pezas do puzzle non precisarán de tantos días para encaixar. "Haberá outros equipos que fan dez ou once fichaxes, que cambian o bloque, porque igual moitos dos seus xogadores destacan e soben a Segunda División ou simplemente mudan de equipo. Nós temos esa baza (conservar o bloque) de inicio e creo que nos vai ir ben desde o primeiro partido que temos na casa contra o Alcorcón".

CONTINUISMO. A pretemporada avanza con sesións dunha gran compoñente física. "Xa había tempo que non tiñamos tantas vacacións! Temos as pernas pesadas e estamos a traballar para saber o que quere o míster de nós, o seu sistema", explica Abelenda.

Con Antonio non parece que vaia haber grandes trocos na filosofía con respecto ao curso pasado con Ángel Rodríguez. "Parece que imos ter a mesma idea de xogo. Ademais somos os mesmos salvo dúas ou tres fichaxes. Parece que o míster quere manter a base e despois darlle o toque persoal".

O cadro granate abre o verán contra o Lugo coa dúbida de Mario Ortiz
Mario Ortiz aínda non chegara onte a Pontevedra nin adestrou cos seus compañeiros, de maneira que é seria dúbida para o primeiro partido da pretemporada do bloque pontevedrés, este mércores á tarde (Pasarón, 20.00 horas) contra o Lugo.
Seoane segue a traballar á marxe do colectivo e está descartado. Os demais membros do plantel estarán a disposición de Antonio. O partido servirá para cambiar estímulos para o plantel.
"Vén ben para sacarnos dos adestramentos en herba artificial. Imos a Pasarón e sérvenos para regresar, coller as medidas, o ritmo de balón, que é moi distinto, o bote. E se ademais é contra un rival de categoría superior vainos axudar a traballar o físico", aseguraba Brais Abelenda ao respecto.

 

Comentarios