O contorno sinala a Ramos

Tres derrotas consecutivas sen facer gol e a caída do Pontevedra á zona do grupo pola permanencia colocan ao adestrador marinense no punto de mira dun sector da afección
Jesús Ramos, ao fondo, antes do comezo do partido contra o Racing de Ferrol. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Jesús Ramos, ao fondo, antes do comezo do partido contra o Racing de Ferrol. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tres derrotas, unha posición delicada na clasificación e as malas sensacións convértense no argumento dun sector da afección granate para reclamar a cabeza de Jesús Ramos como solución aos problemas do Pontevedra Club de Fútbol.

A destitución dun adestrador é a forma tradicional de buscar os trocos de dinámicas dos equipos.

Sen embargo, non é Lupe Murillo de guillotina áxil. A presidenta do Pontevedra intentou conceder sempre marxe de traballo aos técnicos que tivo baixo a súa disciplina. Iso si, o ruxe-ruxe do contorno, a presión social e o ambiente de desconfianza acabaron sendo obstáculos insalvables para moitos preparadores do club granate, non só historicamente, senón tamén baixo o mandato da actual presidenta.

Agora é Jesús Ramos o que está mergullado nesa dinámica na que perdeu a confianza dunha boa porcentaxe dos seareiros. A escaseza de marxe de erro debida ao novo formato da competición e a preocupación desatada na bancada complican o futuro dun adestrador que ata hai un mes non perdera un duelo oficial á fronte do cadro granate.

Saída dos adestradores do Pontevedra dos últimos 20 anos

O Pontevedra acumula cinco partidos sen gañar e ocupa os postos que obrigarían a disputar a pelexa pola permanencia na segunda fase, aínda que ten un partido pendente de disputa na casa contra o Guijuelo e se atopa a unha vitoria da terceira praza que ocupa o Deportivo.

Ademais dos malos resultados e das peores sensacións en algún dos duelos anteriores (leva tres choques sen facer gol), está a ser vítima das baixas, algo que nunha temporada calquera sería unha limitación, pero na actual, co plantel tan curto que fabricou a dirección deportiva e coa redución dos tempos da liga, poder ser un problema máis serio.

Aos mancados Romay, Adrián Cruz e Rufo, todos eles moi relevantes nos esquemas de Ramos, únense as sancións de Charles e agora de Xisco Campos, que non poderá xogar o duelo da fin de semana en Barreiro.

No que vai de século, poucos preparadores foron quen de revertir un match-ball en contra e salvar o seu cargo coa pistola apuntándolle á sen.

Alberto Argibay na temporada 2006-07, Luisito o ano do retorno á Segunda B (2015-16) e no curso no que finalmente acabaría destituido (17-18) e Luismi ao comezo da súa única campaña completa no equipo (a 18-19) estiveran cuestionados e evitaran o cesamento.

O caso de Argibay foi especialmente chamativo. Seguramente un dos poucos despedimentos que se produciron na historia do Pontevedra por motivos alleos aos resultados.

O club prescindiu del despois de meter ao equipo na final da Copa Federación e clasificado na segunda posición da liga de Segunda B. Tamén en play-off, Raúl González demitiu polas presións da directiva e do vestiario, na campaña 2001-02. Casos extraordinarios.

O marinense é o quinto técnico en seis anos e medio da era Lupe Murillo

Ramos é o quinto adestrador que dirixe ao primeiro plantel granate nas seis temporadas e media de Lupe Murillo á fronte do club.

A presidenta adoita darlles confianza aos preparadores do seu colectivo. Así o fixo mesmo con Manu Fernández na campaña 2014-15, cando o herdara con contrato da etapa do anterior presidente, José Manuel Fernández. Manu é o preparador que menos partidos dirixiu con ela na dirección, (oito). Co equipo en Terceira e relativamente lonxe da zona de play-off, foi cesado.

Lupe desoíu ao contorno ata en tres ocasións que o técnico parecía ameazado e estes foron quen de salvar un match-ball en contra e quedar no banco.

Con Luisito na 2015-16, o PCF era antepenúltimo na sexta xornada, despois de perder contra o Racing de Ferrol e acumular só 4 puntos. O equipo gañoulle ao Coruxo e o teense non volveu estar cuestionado ata dous anos despois.

De novo un mal comezo de curso colocou a Luisito na picota na liga 2017-18 (un punto en cinco xornadas, décimo oitavo na clasificación). Pero o conxunto encadeou tres triunfos e o de Teo non foi despedido ata o remate dunha primeira volta na que se vivira a demisión do propio técnico tras unha derrota en Talavera, e na que encadeou oito partidos sen perder.

Luismi comezou con dúbidas o curso da súa reválida, o 2018-19. Na sexta xornada o Pontevedra era décimo terceiro con seis puntos e no ambiente respirábase aroma a ultimátum. O equipo gañou 0-2 en Fuenlabrada, espabilou e loitou por prazas de play-off.

Jesús Ramos ten a súa reválida. Vivir co dedo acusador do entorno apuntando non é o mellor caldo de cultivo para un adestrador. Ramos deberá superar a presión para o ben das tres partes: del, do colectivo e dos verdugos que lle colocaron a soga ao pescozo, que só desexan ver gañar ao seu equipo.

Comentarios