Contra a súa peor xeira

O Pontevedra intentará rachar en Madrid a súa serie máis longa sen gañar en Liga desde que Luisito ocupa o banco de Pasarón 

photo_camera Luisito co balón xunto a Marcos Álvarez durante un adestramento do Pontevedra en Principe Felipe. DAVID FREIRE

As xeiras están para rachalas. A esa máxima se agarran os xogadores do Pontevedra Club de Fútbol antes da súa visita ao campo Vicente del Bosque de Madrid, no que se medirán ao Unión Adarve.

O bloque de Luisito intentará pechar a peor serie de resultados desde que o preparador de Teo é o seu adestrador. O Pontevedra leva actualmente sete partidos sen gañar. Nesa traxectoria de duelos sen obter os tres puntos aconteceu de todo: desde envites nos que o cadro de Pasarón foi notablemente superior ao seu adversario e foi incapaz de levar a vitoria, ata outros nos que lle igualaron no tempo de desconto, ata algúns nos que foi claramente inferior ao adversario e algúns máis nos que o resultado máis razonable foi o que se produciu ao remate do encontro.

Os granates levan sete partidos seguidos sen vencer


Desde que principou aquela diabólica semana de tres enfrontamentos, con xornada en mércores aproveitando a festividade de tódolos Santos, o once de Luisito non volveu a atopar o camiño do triunfo.

A derrota contra a Ponferradina de finais de outubro orixinou unha serie que se resume en dúas derrotas e cinco empates.

En Ponferrada, o Pontevedra foi inferior ao seu rival e perdeu por 1-0 na última xogada do envite.

No duelo entre semana, o Deportivo Fabril conseguíu a igualada no tempo de desconto en Pasarón, despois de sufrir na primeira metade e refacerse na segunda. O Pontevedra aguantou co 2-1 ata o desconto e viu como fuxían dous puntos neste treito do envite (2-2 final).

Contra o Talavera, Luisito presentou a dimisión despois de ver como lle facían diana á súa escadra no treito final do duelo por terceira semana seguida e despois de que ofrecer unha boa imaxe no primeiro tempo (2-1).

O Pontevedra non lle admitiu a Luisito a súa renuncia ao cargo. E a resposta do técnico e da súa escadra foi un gran partido contra o Navalcarnero á semana seguinte. O cadro granate foi o mellor do curso, pero a falta de puntería e a actuación do porteiro rival impediu que o triunfo chegase (1-1).

Tampouco se produciu a vitoria dos lerezanos no seu desprazamento a Guijuelo, onde o bloque de Salamanca foi quen de igualar un 0-3 con dúas dianas no tempo de prolongación.

Despois chegaron os últimos resultados na casa, nos que se viu ao peor Pontevedra da campaña, incapaz non só de xerar ocasións perigosas, senón tamén de dominar os encontros mediante o estilo de xogo propugnado por Luisito.

Primeiro o Valladolid B (1-1) e despois a Gimnástica Segoviana (0-0) obtiveron un punto en Pasarón na súa carreira cara a permanencia. A xeira de resultados coloca ao Pontevedra nunha situación incómoda que intentará comezar a revertir na súa complicada visita a Madrid para medirse ao Unión Adarve.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios