O corazón de Campo Lameiro

O Club Deportivo Campo Lameiro reúne un centenar de licenzas de fútbol e fútbol sala cunha vocación lúdica e formativa que amosa a vontade por axudar a artellar a sociedade local mediante unha adecuada oferta deportiva

Hai vilas que latexan ao ritmo da súa actividade deportiva. Entre elas atópase Campo Lameiro: un pequeno concello que ten no Club Deportivo Campo Lameiro un dos seus motores sociais.

Fundada en 1979, a entidade cumpre nesta campaña 45 anos. Camiña firme e decididamente en dirección ao medio século de vida mercede ao traballo desenvolvido cos seus equipos de fútbol sala e fútbol.

Sendo as modalidades de referencia que ten a entidade, non son as únicas nas que se manexa. E é que nos últimos tempos, o Campo Lameiro abriu a porta a dúas novas disciplinas que serven para ampliar a súa oferta a diferentes sectores da sociedade.

Á espera de obter a oficialidade, tras cumprir cos diferentes requisitos esixidos polas institucións para estar convenientemente federadas, as seccións de ciclismo e sendeirismo intégranse xa dentro desta institución con afán polideportivo.

Os ciclistas, de feito, contan xa co maillot propio e realizan as súas saídas por estrada amosando as cores do conxunto e paseando o nome do municipio, á espera de que os últimos pasos burocráticos lles permitan dispoñer de licenza para competir en probas oficiais federadas.

O sendeirismo, pola súa banda, foi unha modalidade nada como resposta á pandemia da covid, entre 2020 e 2021. Un grupo de veciños e socios da localidade propuxéronlle á directiva presidida por Jesús García Ameijeiras abrir unha nova sección para poñer en práctica unha das actividades máis seguras que se podía realizar naquela etapa, polo feito de levarse a cabo en espazos abertos.

A contorna na que se atopa Campo Lameiro, con moito espazo e rotas que cubrir por parte dos camiñantes, converte en especialmente oportuno o nacemento deste departamento dentro do club. Ademais, a entidade organiza unha andaina en colaboración co Concello, un dos soportes económicos da institución xunto co patrocinador principal, a empresa El Nogal, con sede na localidade (o orzamento dunha temporada do club é de arredor de 40.000 euros).

Os cambios nos estatutos do club deixan a porta aberta á ampliación da oferta deportiva con posibles seccións futuras de outras modalidades deportivas.

Así e todo, a base sobre a que se sustenta o club son o fútbol e o fútbol sala. As categorías de formación da entidade compiten baixo teito, no 40x20. Un concello cunha poboación tan reducida como Campo Lameiro non sempre ten facilidades para acumular os rapaces suficientes para competir con escadras de fútbol once.

Actualmente, o club conta con 96 licenzas, das cales a maioría son de fútbol sala. Dispón de equipo cadete, xuvenil e sénior dese deporte, así como de escolas deportivas, nas que a cifra de rapazas invita ao club a crear unha escadra feminina a futuro, se dá reunido algunha xogadora máis.

Como explica o presidente da entidade, a filosofía é clara: que a mocidade e rapazada de Campo Lameiro "poida practicar o deporte que lle gusta" e aproveite tódolos beneficios que implica a actividade física organizada baixo a disciplina dun club.

Para fomentar o deporte, ademais, o club organizou ata hai poucos anos un torneo de fútbol 8, o Conca do Lérez. Actualmente traballa para retomalo, pero con formato de fútbol sala.

Ademais, o Campo Lameiro realiza un esforzo informativo tanto coa súa páxina web, que está en proceso de renovación e actualización, como coas redes sociais para poder estar presente na vida virtual dos seus veciños.

Comentarios