lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

O covid-19 adultera o fútbol galego en tódalas categorías

O Portonovo-Sanxenxo, o último partido que desputaron os arlequinados, na primeira semana de decembro. GONZALO GARCÍA
O Portonovo-Sanxenxo, o último partido que desputaron os arlequinados, na primeira semana de decembro. GONZALO GARCÍA
A suspensión da xornada de Terceira e da meirande parte de Preferente complica o futuro das competicións

Os continuos casos de covid detectados nos vestiarios dos equipos de fútbol galego levaron a competición a unha situación inédita desde que regresaron as competicións tralo inicio da pandemia: a suspensión de tódolos partidos de Terceira e da meirande parte de Preferente.

Chove sobre mollado porque xa se adiaran moitos partidos, particularmente en Preferente Sur. Nesa categoría, o Céltiga é o unico equipo que disputou tódolos partidos. O Vilalonga, Gran Peña, Valadares, Beluso e Pontevedra B teñen un adiado. O Umia, Ribadumia e Sanxenxo teñen dous duelos pendentes e o Portonovo e o Moaña, tres.

A estreitura dos calendarios e a cantidade de encontros aprazados debuxan un panorama difícil: en Preferente a primeira fase remata a mediados de marzo.

Entre os equipos máis damnificados pola Covid19 atópase o Portonovo. O duelo que tiña que xogar onte contra o Beluso foi un dos cinco aprazados no subgrupo A Sur. Entre semana tamén lle adiaron por segunda vez o que tiña que disputar contra o Juventud Cambados. E ademais réstalle por disputar o do Umia.

O equipo leva sen competir desde o 5 de decembro, como lembra o técnico José Vecoña. "Recuperar tres partidos non vai ser doado".

Os arlequinados parecen condenados a xogar mércores e domingo, algo que para un equipo non profesional é moi complicado. "Tememos que afecte á recuperación e que poida pasarnos factura en forma de lesións".

Ademais, está o posible galimatías para a fixación das datas. "Vai ser difícil poñernos dacordo porque somos moitos equipos a facelo con moitos outros".

Vecoña afronta a semana con incerteza. "Temos a inquedanza de non saber se imos poder xogar o próximo domingo".

O caso do Sanxenxo non é mellor. O equipo estaba a coller ritmo de competición cando a serie de paróns condicionaron todo o traballo. "Esto se lleva mal, más allá de porque haya aplazados, porque no podemos entrenar. Tantos parones afectan a nuestro trabajo diario. Se adultera la competición. Podemos llegar sin entrenar y sin dinámica para competir frente a un equipo que sí está entrenando. Eso no es estar en igualdad de condiciones. Lo único que pedimos es tenerlas en cada partido".

O técnico do Pontevedra B, Luismi, admite que o parón "afecta. Non podes preparar igual os adestramentos e a semana que cando hai partido. Isto xunto co parón de Nadal fai que levemos case un mes sen xogar".

O preparador granate propón unha alternativa. "Isto é unha tolería. Disputaría os partidos sen os casos de contaxios en cada equipo. Se tes catro ou cinco casos, eses xogadores non xogarían. E digo isto que mañá me pode afectar a min. Pero así non imos dar acabado".

Os adestradores dan a súa visión... 

undefinedAlberto Mariano, adestrador do Estradense

"O que nos gustaría é que non restasen por disputar moitos partidos adiados nas últimas xornadas"

undefinedJosé Tizón, adestrador do Alondras

"O ideal sería deter a competición ata que todo se normalizase e correr unha semana tódalas xornadas"

undefinedJosé Vecoña, adestrador do Portonovo

"Recuperar tres partidos non vai ser sinxelo e imos ter que facelo en un mes e tres semanas" 

undefinedLuismi, adestrador do Pontevedra B

"Afecta en todo: non poder competir... o ritmo dos partidos. E co parón de Nadal imos estar case un mes sen xogar"

Terceira, diferenzas entre profesionais e non profesionais
Na Terceira División, non hai conxuntos con tantos partidos adiados como na Preferente, pero a situación non é ideal tampouco.

Alberto Mariano, técnico do Estradense, cre que correr o calendario sería o máis apropiado. Desde o seu prisma, "o que vería máis xusto sería que se parase a competición unha semana para poder disputar os partidos adiados, aínda que iso supoña rematar unha ou dúas semanas máis tarde. Pero para facelo hai que aproveitar os festivos de Semana Santoa ou Entroido".

E iso porque tanto el como o seu homónimo José Tizón do Alondras saben que viaxar fóra da casa con equipos amateurs en día laborable é un agravio. "Perderíamos varios futbolistas se xogamos entre semana".

O equipo cangués leva un constante conteo de casos desde que intentou retornar ao traballo durante o Nadal. Tizón láiase porque a súa xeira se pode ver afectada e pensa como Mariano. "O mellor sería correr todo unha xornada e acabar máis tarde".

O covid-19 adultera o fútbol galego en tódalas categorías
Comentarios