viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

Adrián Cruz volve a enfrontarse ao Dépor, contra o que se gañou a ficha en 2009

Adrián Cruz, xunto a Igor, naquel partido contra o Deportivo. DAVID FREIRE
Adrián Cruz, xunto a Igor, naquel partido contra o Deportivo. DAVID FREIRE
Un gran partido na pretemporada 2009-10 catapultou ao futbolista ao primeiro equipo do Pontevedra

 O 29 de xullo de 2009 o Deportivo visitaba Pasarón para xogar o triangular do Trofeo Luis Otero contra o Al Ittihad de Raúl Caneda e o Pontevedra. O club granate intentaba acelerar as negociacións con unha gran cantidade de xogadores para pechar as entradas e saídas e fabricar un plantel completamente novo. Naquel curso 2009-10, no último esforzo de Nino Mirón de levar o equipo granate ao fútbol profesional antes de acabar na bancarrota, o Pontevedra deu de alta no primeiro plantel 18 novos futbolistas: 16 fichados e dous da canteira.

Foi precisamente a tardanza en aparecer dos 16 contratados o que produciu que se abrise unha porta para un daqueles rapaces. Aquela noite do 29 de xullo, o bloque de Pasarón debuxou un once no que se mesturaban o pasado, o presente e o futuro contra o Deportivo, con varios mozos con minutos ás ordes do técnico Roberto Aguirre.

Á TERCEIRA FOI A VENCIDA. A entidade estaba a agardar que se resolvese a crise doutros clubs para poder incorporar a varios futbolistas que estaban a ser vítimas de impagos. Entre chegadas e saídas, emerxeu unha figura inesperada, a do décimo oitavo home: "Levaba tres anos facendo a pretemporada co primeiro equipo e sen xogar. Meu primo dixérame que me conseguía a pretemporada co Celta B. Pero dixen que o ía intentar por último ano e puxen toda a carne no asador. Pero si, estaba algo desesperado".

"Levaba tres anos facendo a pretemporada co primeiro equipo e dixen que o ía intentar por último ano"

O primo era Iago Aspas. El, Adrián Cruz. E aquel Luis Otero contra o Deportivo foi o partido que mudou a súa historia. "A temporada anterior mesmo fixera moitos goles co Pontevedra B en Terceira, pero non subía a adestrar co primeiro equipo apenas entre semana", lembra como un dos factores causantes da súa perda de fe antes daquel verán máxico.

Once anos despois, Cruz afronta o primeiro partido oficial do Pontevedra contra os coruñeses en 40 anos. Como cambiaron os tempos para o Pontevedra! "Daquela a política do club coas fichaxes e mesmo coa canteira era totalmente diferente. Eran todos de fóra de Galicia, incluso os sub-23. Era moi complicado que che desen unha oportunidade. Mirabámolo coma unha misión imposible".

E seguindo con ese discurso, o moañés achega un dato moi relevante. "Desde Fran Rico, pasaron catro anos ata que o club volvera darlle certo protagonismo a un rapaz da canteira, como fora eu". Na defensa de Rafa Sáez e Xabi Gracia, diremos que o segundo confiou en Óscar Guimeráns e o primeiro, en Quique Cubas e Javi Rey.

AGUIRRE, O SEU DESCUBRIDOR. Cruz foi a pérola que descubriu Roberto Aguirre. "Desde o primeiro momento fun quen de convencelo co meu fútbol, desde os adestramentos. Pero aquel triangular para nós era como un exame de nivel. Ata ese momento os partidos de pretemporada foran contra rivais de categorías máis baixas".

"Daquela a política de fichaxes era moi diferente á de agora. Eran todos de fóra de Galicia"

E as cousas saíron ben. O morracense fixo un encontro excelente contra o Deportivo e contra o Al Ittihad, ao que "lembro que ata lle marquei un gol".

Un adversario ao que contemplaba como o eterno rival foi o espaldarazo definitivo para a súa carreira, un punto de inflexión que o mergullou xa no fútbol de Segunda B, do que nunca sairía, salvo en dirección ao profesionalismo. As crónicas destacaron o seu duelo contra os herculinos. E o seu brillo confirmou as expectativas de Aguirre, que o reclamou para o plantel. "Eu quedara satisfeito co partido que fixera. E ao rematar, lembro moitas chamadas. Non directamente do míster, pero si do director deportivo, Sergio Martín, e do meu representante —Javier Picallo— para dicirme que ía ter unha ficha en Segunda B".

Alí comezou unha longa andaina na que Cruz visitou vestiarios relevantes do fútbol galego e nacional, como os dos extintos Poli Ejido e CD Ourense, e outros referentes como Racing de Ferrol, Osasuna, UD Logroñés, Murcia ou Burgos, case todas entidades con aspiracións de profesionalismo.

Adrián Cruz volve a enfrontarse ao Dépor, contra o que se gañou a...
Comentarios
ç