Gustavo Dacal: "Esta é a miña segunda primeira vez"

O caldelán será adestrador de atletismo adaptado no Rías Baixas e loitará por competir nos Xogos Paralímpicos de 2024
Gustavo Dacal. RAFA FARIÑA
photo_camera Gustavo Dacal. RAFA FARIÑA

Participar nos Xogos Paralímpicos de París 2024 é a meta de Gustavo Dacal. O atleta e adestrador pontecaldelán presentou este sábado os seus proxectos de futuro co Atletismo Rías Baixas, no que dirixirá como técnico a sección de atletismo adaptado e analizou as súas opcions de competir nos próximos Xogos. O caldelán, tratado na Unidade de pacientes de médula do Chuac, mellorou fisicamente e na funcionalidade para a vida cotiá, pero non recuperou a mobilidade nas pernas.

Agora centrado nos Paralímpicos, lembrou que o proceso para selo require do certificado de discapacidade, para o que xa principiou os trámites e para o que agarda a máxima dilixencia das autoridades para poder adestrar e pelexar pola mínima ao longo de 2024. "Esta é a miña segunda primeira vez. É un novo comezo en circunstancias diferentes e imos intentar desfrutalo", explicou ao respecto do seu regreso á competición.


Sobre o labor como técnico, expresou que "no Rías Baixas seríamos pioneiros nese ámbito", sinalou, coa mente posta na creación dunha sección de atletismo adaptado no CGTD, a máis longo prazo.

Amosouse optimista e con bo ánimo. "Os dez anos de adestramento servíronme para afrontar o que me pasou. O primeiro é a aceptación. Había dúas alternativas: victimizarse, dicir "que mala sorte teño, pobre de min" e ter unha actitude pasiva, ou aproveitar o que pasou e usalo como ferramenta para os demais e para min".

Comentarios