martes. 24.05.2022 |
El tiempo
martes. 24.05.2022
El tiempo

Daniel Chamosa manda en Galicia

Daniel Chamosa nunha proba ao aire libre. SGP
Daniel Chamosa nunha proba ao aire libre. SGP
O pontevedrés da Gimnástica logra o ouro nos dez quilómetros do Autonómico disputados na Pobra do Caramiñal ►A cuntiense Carmen Escariz triunfou en categoría feminina

Daniel Chamosa proclamouse campión galego en dez quilómetros marcha o pasado domingo, na proba disputada na Pobra do Caramiñal. O pontevedrés logrou o título autonómico cun rexistro de 41'22'', que supón o seu mellor rexistro persoal. O marchador da Sociedad Gimnástica Pontevedra dominou desde o principio unha proba na que estivo acompañado no podio por Juan Manuel Morales (Marineda) e Juan Fernández Nieves (RC Celta). O seu dúo perseguidor chegou á liña de meta a máis de catro minutos, poñendo de manifesto que o pontevedrés non ten rival.

Chamosa marcou un ritmo por debaixo dos 4'10'' nos primeiros 6.000 metros, o que fixo que os seus adversarios nin se molestasen en perseguilo desde os intres iniciais da competición. De tal maneira, realizou a proba completamente en solitario ata concluir co seu mellor mil para chegar á meta (4'02''), o que lle permitiu rebaixar o seu mellor rexistro de sempre nesta modalidade.

Na categoría feminina, o ouro foi para a cuntiense do Ourense Atletismo Carmen Escariz. A atleta formada ás ordes do grupo de marchadores de Pardal no Atletismo Cuntis impuxo un ritmo demoledor desde os primeiros metros e, como lle ocorrera ao seu ex compañeiro Daniel Chamosa, tamén ex alumno de Pardal, percorreu os dez quilómetros da competición sen compaña ningunha.

A cuntiense realizou tódolos quilómetros por debaixo de 4'45'', algo imposible de seguir para as súas rivais e que provocou que rematase a competición en 46'01'', con máis de cinco minutos de vantaxe sobre Aleksandra Kostenko, do Lucus. Pechou o podio a tamén competidora do club lucense Aldara Meilán.

Noutras categorías, Jorge Espiño logrou o bronce para o Cuntis nos 5 km en categoría sub-16. Sabela Castelo, do San Miguel de Marín, obtivo o título na distancia sobre os dous quilómetros en categoría sub-14.

En categoría sub-14 masculina, Anxo Jamardo, da Sociedad Gimnástica, levou a medalla de prata. Mentres, no quilómetro sub-10 mixto, a protagonista foi Jannat Duque do Atletismo Cuntis, que logrou o ouro.

Os notables resultados para os clubs e os atletas da comarca poñen de manifesto o traballo realizado na modalide polos responsables técnicos das diferentes categorías.

Daniel Chamosa manda en Galicia
Comentarios