Daniela Suárez segue medrando

A nadadora do Galaico Sincro acaba no sexto posto o Campionato de España xuvenil en individual técnica
O equipo do Galaico Sincro desprazado a Madrid. CEDIDA
photo_camera O equipo do Galaico Sincro desprazado a Madrid. CEDIDA

Daniela Suárez segue medrando e escalando chanzos. A pontevedresa do Club Galaico Sincro obtivo a sexta posición no Campionato de España Xúnior de Rutinas Técnicas e Infantil de Figuras que se celebrou na piscina M-86 de Madrid.

A lerezana obtivo a praza en categoría xuvenil, na modalidade individual técnica. Fíxoo na que foi a competición de bautismo na súa nova categoría.

Suárez sumou 196.5767 puntos, que a deixaron a tres puntos e medio da medalla de bronce. A nadadora lerezana foi a segunda mellor de tódalas competidoras nun dos elementos considerados para establecer a puntuación definitiva e segue queimando etapas no seu desenvolvemento deportivo.

Na décima posición desta competición rematou a representante do CN Vigo e ex nadadora do Galaico Sincro Helena López Castrillo.

O ouro correspondeu a Rocío Calle, do Sincro Retiro, que realizou unha grande exhibición e estivo moi por enriba de tódalas demais contendentes.

O rendemento da representante do Galaico Sincro permítelle ser preseleccionada para a convocatoria do combinado nacional da categoría que estará concentrada entre os días 5 e 10 de decembro en Valladolid, coa fin de preparar torneos internacionais defendendo as cores de España. A promesa pontevedresa logrou a praza despois de levar a cabo as probas de selección.

A pupila de Paula Montes tamén recibiu a medalla ao mérito deportivo da Federación Española como representante do conxunto infantil que tomou parte no Campionato Mundial de Atenas da pasada temporada.

O club desprazou oito nadadoras e dúas técnicas

O Club Galaico Sincro desprazou a Madrid un equipo formado por oito nadadoras e dúas adestradoras. Ademais da categoría individual técnica, tamén presentou participantes no dúo e o equipo técnico. Na rutina por parellas, Daniela Suárez estivo acompañada por Antía Riveiro. Ámbalas dúas deportistas fixeron un exercicio que lles serviu para obter a décimo sexta posición de entre 46 dúos.

Na categoría de equipo técnico, Almudena García, Antía Riveiro, Claudia Fernández, Lucía Arosa, María Maquieira, Navia Pérez e Daniela Suárez realizaron un exercicio que lles serviu para obter a vixésimo primeira praza. O Galaico Sincro obtivo o vixésimo posto por equipos na xeral.

En infantís, Claudia Fernánez, Lucía Arosa e Clara Maquieira remataron no vixésimo noveno lugar. Desta maneira, as mozas do Galaico Sincro seguen acumulando horas de voo.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios