Dapena regresa con bo pé e logra un triunfo no Challenge Gdansk

O pontevedrés debuta con vitoria na temporada 2022 despois de nove meses ausente
Pablo Dapena durante un momento da proba de onte.
photo_camera Pablo Dapena durante un momento da proba de onte.

Pablo Dapena regresou con triunfo á media distancia. O triatleta pontevedrés impúxose con autoridade no Challenge Gdansk, unha das probas do circuito Challenge Family, o seu foco principal de actuación.

Dapena dominou de principio a fin unha carreira coa que retornaba despois de nove meses sen actuar por mor de problemas físicos e trala súa paternidade.

O competidor da capital do Lérez chegou á liña de meta cun tempo de 3 horas, 44 minutos e 47 segundos, sen dar opcións aos seus adversarios no treito pedesttre, no que marcou as diferenzas que lle serviron para acadar o lugar máis alto do podio.

Dapena mantívose sempre no grupo de cabeza e fixo valer o seu maior ritmo nos 21 quilómetros a pé para desfacerse dos seus compañeiros de viaxe durante os treitos de natación e bicicleta.

Nas augas do Báltico, nas que se levou a cabo o 1,9 quilómetros de distancia a nado, os tres ocupantes do podio definitivo principiaron a establecer as distancias con respecto aos demais participantes. O polaco Kacper Stepniak saía primeiro da auga cun rexistro de 23:32. No seu ronsel aparecían Pablo Dapena e o ucraíno Sergiy Kurochkin camiño da transición da bicileta. Alí Dapena investía algo máis de tempo cós seus contrarios, o que lle facía saír no terceiro lugar.

Sen embargo, rapidamente recuperou a breve distancia perdida con respecto aos seus adversarios polo triunfo final. As melloras realizadas sobre dúas rodas pareceron dar resultados e Dapena deseguido cazou diante e mesmo acabou liderando os 90 quilómetros da bicicleta. Chegou á T2 con 2 horas 31 minutos y 35 segundos.

A competición estaba feita anacos, pero os tres primeiros deportistas chegaron á transición final xuntos para afrontar os 21,1 quilómetros que debían decidir o vencedor. Por detrás, o seguinte na clasificación estaba a case dous minutos de distancia deles.

TRANSICIÓN LONGA. Na segunda transición repetiuse o mesmo proceso da primeira. Dapena levou máis tempo a mudar o calzado ciclista polos tenis de correr e iso fíxolle saír no terceiro lugar, malia ser o primeiro en chegar á zona de cambio.

Non tivo maior repercusión, xa que o ritmo do representante do BMC era infinitamente mellor cós de Kurochkin e Stepniak. Metro a metro foi poñendo terra de por medio con respecto a eles. No cuarto quilómetro xa lles levaba medio minuto e á metade da media maratón deixaba sentenciada, practicamente, o vitoria.

Só un desfalecemento que non se produciu podería impedir que o triatleta pontevedrés se fixese co primeiro lugar na meta situada no peirao de Gdansk.

Non se produciu tal contratempo e Dapena chegou á liña final cunha distancia de catro minutos e medio sobre Sergiy Kurochkin e de máis de seis sobre Kacper Stepniak, que pecharon as prazas do podio.

O lerezano cumpriu cos prognósticos que o situaban como o principal favorito ao triunfo.

Comentarios