Dapena deixa a Plews

O triatleta pontevedrés abandonou esta campaña a disciplina do técnico neozelandés
Pablo Dapena. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Dapena. RAFA FARIÑA

Pablo Dapena puxo fin á súa relación co adestrador Dan Plews, tamén preparador do pentacampión do Mundo Javier Gómez Noya.

A distancia entre os dous (Plews é neozelandés) e a capacidade de autoxestión do lerezano motivaron que optase por seguir o seu camiño en solitario.

A relación profesional entre as dúas partes foi breve e reduciuse á temporada pasada. Plews, famoso no mundo do tríatlon polos seus innovadores métodos de adestramento, empezou a traballar co lerezano a comezos do curso 2022. Ámbolos dous remataron os seus vínculos nos primeiros meses da actual campaña.

Plews é recoñecido pola súa visión especial e diferente do traballo, sempre desde un punto de vista científico, e no que fai fincapé na alimentación para obter rendemento.

O meticuloso método de preparación que aplica aos seus deportistas conseguíu grandes resultados con recoñecidos campións, pero non sempre acabou de encaixar coas necesidades de todos eles.

Pablo Dapena segue co seu proceso de adestramento no que traballa ao lado do grupo de rendemento do CGTD de Jonathan Cancela. Olla ao futuro tras ausentarse do seu primeiro grande obxectivo da temporada, o Mundial de longa distancia de Ibiza, por unha lesión nun dedo do pé.

O pontevedrés ten como meta o debut deste curso no Challenge Salou, que está previsto para o 4 de xuño. No caso de que non se atope nas condicións ótimas para estar na cita catalana, agardará ao Challenge Gdansk, dúas semanas máis tarde. En chan polaco logrou o triunfo o ano pasado.

Actualmente Dapena atópase adestrando en Baleares, como parte dunha concentración do equipo BMC, do que forma parte. Vai recuperando sensacións para poder ser ambicioso de novo e pelexar por posicións dianteiras nas carreiras que afronte.

O seu regreso oficial á competición produciuse a comezos de mes formando parte do Triatlón Rías Baixas no campionato galego contrareloxo por equipos disputado en Vilagarcía de Arousa.

Agarda poder realizar unha boa segunda metade do ano para poder estar preto das prazas de honra nas probas internacionais de media distancia que vai disputar.

Más en Deporte Local Pontevedra
Comentarios