Dapena ficha en Pontevedra

O Triatlón Rías Baixas trasládase de Poio á cidade do Lérez e contará co subcampión do Mundo de longa distancia como gran referente
Pablo Dapena saíndo da auga no triatlón de longa distancia de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Pablo Dapena saíndo da auga no triatlón de longa distancia de Pontevedra. RAFA FARIÑA

O Club Triatlón Rías Baixas mudarase desde Poio a Pontevedra para cambiar unha realidade insólita nunha cidade que é referente internacional nesta modalidade deportiva: que a cidade do Lérez non dispuxese un club de referencia na modalidade. Para pechar o círculo, fichou a Pablo Dapena, a grande estrela actual do triatlón pontevedrés.

Dapena estaba enrolado nas ringleiras do Fluvial de Lugo, pero a súa participación en eventos representando as cores do conxunto lucense era máis ben escasa. "Non estaba aportándolle demasiado", explicaba o propio deportista ao respecto.

A súa relación coa entidade pontevedresa non é nova. Era adestrador de moitos dos triatletas que compiten con licenza do Rías Baixas. De feito, o propio Dapena é un dos promotores do troco.

A chegada do Triatlón Rías Baixas a Pontevedra forma parte dun proxecto a longo prazo que pretende afianzar a entidade como gran valedor da disciplina na capital do Lérez.

"A miña idea era que houbese un club de triatlón de referencia en Pontevedra", expresou despois de confirmar o seu salto desde o Fluvial ao Rías Baixas. "Queremos que sexa un proxecto sostible e que goce do respaldo do Concello de Pontevedra, que sempre apostou con forza polo triatlón".

A presenza de Dapena como un dos responsables técnicos e membro da directiva do club, non só como deportista, pode supoñer un importante pulo para a entidade, da mesma maneira que o pode ser a súa presenza en Pontevedra. Ámbolos dous son factores relevantes de cara ao desenvolvemento do club e a futura captación de recursos para seguir crecendo.

O presidente do club é Quique Hernández, que viu como o proxecto inicial da entidade, creado por un grupo de amantes da modalidade, foi medrando e afianzándose co paso do tempo. Despois de principiar só con deportistas séniores masculinos, actualmente o Rías Baixas conta cunha sección feminina xa consolidade e con categorías base.

"Estamos agradecidos ao Concello de Poio, que ademais nos deixou abertas as portas cara ao futuro", expresou Hernández, que agregou como outro dos motivos do trasbase de sede o feito de que un nutrido grupo dos compoñentes da entidade sexan oriundos da cidade do Lérez e desexasen poder presumir do seu club na súa cidade.

O propio Pablo Dapena lembrou un dato significativo. "Nunca estiven nun club de Pontevedra". Iso xa mudou.

O presidente do club destacou o relevante papel que Dapena ten no crecemento da entidade. "O club nace a carón del e evolucionou en gran medida grazas á súa presenza. É o noso guía desde moitos puntos de vista", explica, antes de aclarar que o troco de vila tamén o é de filosofía. "Apostamos por isto. É un cambio de ciclo, un novo proxecto deportivo".

Na actualidade o Rías Baixas dispón duns 70 deportistas baixo o seu acocho. Conta con tódalas categorías e ten por obxectivo seguir medrando tanto a nivel estrutural canto a instalacións como en número de deportistas.

Ademais do Rías Baixas, en Pontevedra tamén teñen sede o Motobike e o Triatlón Galaico.

Comentarios