lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Pablo Dapena queda sexto e Saleta Castro oitava no Mundial de Triatlón de Longa Distancia

undefined
Pablo Dapena, saíndo do Lérez no Mundial de Pontevedra de 2019. ARQUIVO
Ámbolos dous remontaron posicións no treito a pé do Mundial de Longa Distancia Challenge disputado nos Países Baixos ► Estiveron cos mellores na auga e perderon terreo na bicicleta

Pablo Dapena rematou na sexta posición e Saleta Castro na oitava praza do Mundial de Triatlón de Longa Distancia disputado este domingo na localidade neerlandesa de Almere.

Os dous deportistas pontevedreses completaron unha boa actuación no seu reencontro coa distancia ironman e dosificaron o esforzo para recuperar terreo no treito de carreira a pé, que lles permitiu mellorar posicións con respecto ao paso pola bicicleta.

Na proba masculina, o vencedor final sería o dinamarqués Kristian Hogengaug.

Nos 3,8 kilómetros de natación, Pablo Dapena fixo gala das súas boas condicións na auga e a súa formación como nadador para estar cos mellores. O sueco Jesper Svensson tomou a dianteira nese treito e chegou á primeira transición cun rexistro de 47.30. Preto del saíu Pablo Dapena con outros dous competidores, Anthony Costes e Sam Laidlaw. Hogengaug pasaba pola transición a máis de dous minutos e medio.

A situación mudou de forma considerable na longa contra reloxo de 180 quilómetros. Svensson roda durante un tercio do segmento sobre dúas rodas en solitario na cabeza da carreira. Pero por detrás Hogenhaug empezou a recoller rivais e deixalos atrás, ata capturar ao sueco.

Pablo Dapena cedía terreo paseniñamente, dentro da súa táctica de calibrar o seu esforzo e dosificar o gasto enerxético. Nese primeiro tercio da bici xa cedía máis de seis minutos. A perda de tempo increméntase con respecto á parella de líderes. O lerezano vai cedendo posicións e remata o segmento na décima praza, a 17 minutos do dúo nórdico, que chegou en parella á T3.

No comezo da maratón final, Dapena facía boa a súa táctica e comezaba a recoller cadáveres. Nos primeiros kilómetros do treito pedestre colleu o seu ritmo e superou a dous adversarios. A oitava praza acabou converténdose na sexta na chegada, lonxe dos mellores, pero cunhas boas prestacións tendo en consideración a súa falta de experiencia na máxima distancia, na que non se prodiga en exceso. Obtivo un rexistro de 7 horas, 55 minutos e 54 segundos.

Hogenhaug acabou desfacéndose de Svensson para ser campión cun tempo de 7:37.46. O sueco foi segundo e o brasileiro Colucci, terceiro.

Feminina. Sarissa de Vries profetizou na súa terra ao vencer a carreira feminina, cunha marca de 8:32.05. A neerlandesa dominou desde o primeiro metro.

Saleta Castro saíu da auga a algo máis de tres minutos da líder no treito acuático, ao remate do que era sétima, mergullada nun grupo de varias competidoras en persecución da cabeza.

No treito a bici perdeu territorio con respecto ás súas rivais. Caeu ata a duodécima posición, a máis de media hora da que sería a vencedora da proba.

Castro reservou enerxías para o traxecto pedestre. Como fixo o seu paisano Dapena, foi superando a rivais que foron fraqueando ou que tiñan peores rexistros correndo, ata alcanzar unha meritoria oitava praza. na que foi o seu reencontro coa máis alta competición.

A gañadora controlou en todo o momento as súas contrincantes e chegou á meta con máis de dous minutos sobre a francesa Manon Genet.

Pablo Dapena queda sexto e Saleta Castro oitava no Mundial de...
Comentarios
ç