David Castro recibiu este xoves o premio Estrella Galicia ao xogador do mes na cafetería Borona. O futbolista cuntiense foi nominado en base aos votos da prensa e dos afeccionados nas redes sociais do Pontevedra.
"É algo que non esperaba. Teño que agradecerllo á xente que confiou en min: ao corpo técnico, aos compañeiros e ao club", asegurou con humildade o zagueiro, que advertiu a navegantes sobre a reacción do conxunto de Pasarón.
"O equipo vai dar un paso adiante. Quedan partidos que se disputan por esta zona. Antes da Semana Santa temos que volver engancharnos para colocarnos a unha distancia mínima. O ano pasado, cando nos fixo falta, nos últimos dous meses, gañamos partidos fóra que ninguén contaba con eles: contra o Navalcarnero, Valladolid, Atlético B... Quen non conte co Pontevedra para pelexar ata a última xornada polo play-off equivócase", explica.
REACCIÓN. A derrota contra o Salamanca CF UDS foi un golpe moral para o conxunto, pero o plantel rearmouse e confía nas súas posibilidades.
"Non somos parvos: foi un pao duro. Non queda marxe de erro, pero sabemos que o podemos sacar adiante e que temos partidos importantísimos. O primeiro, agora na casa".
O canteirán relata que seu pai é un seguidor fiel do Pontevedra e do fútbol en xeral. Seguro que acollerá con motivación o trofeo que acredita a seu fillo como o máis regular das últimas semanas.
"A meu pai o símbolo de Estrella seguro que lle fai bastante ilusión", bromea o futbolista. "Teño gardada a medalla do título da Copa Federación e parece que está sen pena nin gloria. Pero este máis bonito seguro que lle parece", conclúe.