viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

"Marchei polo proxecto do Valencia, non polo diñeiro"

David Castro na rolda de prensa na que se despediu do Pontevedra. ADP
David Castro na rolda de prensa na que se despediu do Pontevedra. ADP
O lateral zurdo fai un repaso das razóns que lle levaron a deixar a entidade do Lérez, mentres continúa coa súa posta a punto no Valencia xunto aos seus novos compañeiros 

OS FILIAIS adoitan ser opcións interesantes para realzar a túa carreira profesional, sobre todo porque serven de escaparate para os futbolistas máis novos. David Castro (Cuntis, 1995) deixou de forma inesperada e con moita mágoa o Pontevedra para "embarcarse" no proxecto do Valencia Mestalla, co obxectivo claro de seguir progresando e medrando como profesional.

Vai unha semana xa dende a súa saída, unha despedida na que se lle viu bastante afectado. Como se atopa? Aínda algo triste ou xa centrado na vindeira tempada?

O certo é que cada vez que falo cos compañeiros si que me veñen a cabeza momentos agradables e iso traeme moi bós recordos. Pero bueno, dende que comecei a adestrar en Valencia xa estou centrado e só pensando no novo proxecto. Iso si, tamén estou 'flipando' un pouco con todo. Coas instalacións, cos servizos... A verdade é que nunca estivera nun sitio similar.

Cales foron as razóns que lle levaron a deixar o Pontevedra?

Nun primeiro momento houbo varios contactos con equipos de Segunda B, pero ningún me chamou tanto a atención como o Valencia. A principal razón ao final foi o equipo en sí. É un clube importante en Europa e un dos máis grandes de España. Sei que non vou ao primeiro equipo, pero sabía que en xeral todo ían ser facilidades para que seguira crecendo e mellorando, e iso fixo decantarme por esta gran oportunidade.

Houbo varios contactos con equipos de Segunda B, pero ninguén me chamou tanto a atención como o Valencia

Cando se falaba da necesidade que tiña o clube de liberar unha ficha tiña claro que esta ía ser a súa?

Todo foi demasiado rápido. Dende que firmei, enseguida se anunciou e só levábamos falando unha semana. Antes de todo isto xa se vía o problema que había coas fichas. Sinceramente, penso que o Pontevedra non contaba coa miña saída do clube en ningún momento.

Considera ao equipo preparado para loitar polo obxectivo do ascenso?

Si, os vexo moi ben, imaxino unha tempada ilusionante. Ademais as fichaxes que se fixeron tamén teñen boa pinta. Pero todos sabemos como é a Segunda B e nunca se sabe. Penso que o traballo estase facendo moi ben e os compañeiros están moi ilusionados. Realmente agardo que consigan os obxectivos, porque o merecen.

Como contacta o Valencia con vostede?

Estaba de vacacións cando me chamou o adestrador do Mestalla para explicarme un pouco do proxecto e comentarme que estaban interesados en min. A partir de ahí xa lle pasei todo ao meu representante. O proxecto ilusionoume dende o primeiro momento e ao final rematou por facerse oficial e estou moi contento.

Cree que Álvaro Naveira será un bó sustituto para ocupar o posto de lateral esquerdo?

A verdade que o coñezo a través de amigos como Anxo (Pérez), que xa estivo con nós no Pontevedra, pero tampouco teño moito contacto. Aínda así, teño boas referencias e seguro que Álvaro tomará este reto con moita ilusión e finalmente con paciencia as cousas van ir saíndo ben.

Mellora a súa retribución salarial este novo contrato?

Sí, está claro. Ao final marchas a vivir fora a unha cidade como Valencia que non é precisamente barata... se non mellorase sería case imposible vivir aquí. Pero para nada é o principal motivo polo que saín do Pontevedra.

Visualízase xogando no primeiro equipo do Valencia?

Cheguei aquí coa mentalidade de intentar mellorar, crecer e aproveitar cada unha das oportunidades. Obviamente sería algo que me encantaría e todo un soño cumplido.

Regresaría ao Pontevedra nun futuro?

Nunca xamáis lle pecharía as portas ao Pontevedra, un sitio no que estiven xenial e no que me deron unha oportunidade extraordinaria. Claro que volvería a un sitio no que me sentín tan cómodo e tan querido. Ademais sinto que levo ao clube por dentro así que nunca lle pecharía as portas para volver.

Sobre os seus antigos compañeiros

A quen botará máis en falta no vestiario?

 Buah...(risas). Botar os botarei a todos de menos unha barbaridade, porque como digo o grupo que formamos nese vestiario era un auténtico luxo. E non o digo porque queira dicilo e quedar ben, ou porque sexa un tópico nin moito menos. É a realidade e sempre dixen que era un dos motivos polos que máis me custou saír.

Con que xogador ten as mellores lembranzas?

A verdade e que non podería elixir só a un. Teño contacto en realidade con todos, coa gran maioría tiña moi boa relación. Quizáis con Edu, con Nacho, con Romay, con Javi López, cos dous Álex... estou seguro que me olvido dalgún. Despois enviaránme un Whatsapp ou unha mensaxe de ‘Oye, ¿y yo qué?...’. Pero iso, temos moi boa relación e cando esté algo máis asentado aquí en Valencia intentarei falar e ter moito máis contacto con todos eles.

"Marchei polo proxecto do Valencia, non polo diñeiro"
Comentarios